González salienta, entre outros desafíos, retos como a cobertura de vacantes, a necesidade de adaptar a formación ás necesidades das empresas, a atracción de talento e a remuda xeracional
Indica que unha boa mostra do valor do Diálogo Social é o novo plan integral de benestar laboral, composto de 37 medidas cun foco importante nas pemes e microempresas
Inclúe o reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, medidas orientadas a mellorar o clima laboral ou a posta en marcha do programa Coida Peme, que facilitará servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe no acto de clausura do Encontro de secretarios/as e xerentes de organizacións empresariais 2026 da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), onde destacou a importancia da colaboración público-privada e do Diálogo Social para acadar consensos amplos que permitan afrontar os retos do mercado laboral e dar resposta ás necesidades das empresas e das persoas traballadoras.
Entre estes desafíos, referiuse ás dificultades para cubrir vacantes, á necesidade de adaptar a formación para o emprego ás demandas do tecido produtivo —especialmente nun contexto de profundos cambios sociais e tecnolóxicos—, á atracción e retención de talento e á remuda xeracional.

Sinalou que unha boa mostra do valor do Diálogo Social é o novo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, froito do acordo entre a Xunta, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e UGT-Galicia. O plan conta con 37 medidas destinadas a reforzar a prevención, mellorar o benestar nas contornas laborais e facilitar a reincorporación ao traballo tras unha baixa nas condicións axeitadas.
Entre as actuacións previstas, salientou o reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), medidas orientadas a mellorar o clima laboral ou a posta en marcha do programa Coida Peme, que facilitará servizos voluntarios e confidenciais de atención psicolóxica e musculoesquelética para o persoal das empresas. O plan tamén prevé apoiar a substitución de persoas traballadoras en microempresas e de persoas autónomas durante períodos de incapacidade temporal de longa duración, así como financiar ferramentas e adaptacións que favorezan unha volta ao traballo saudable.

José González incidiu na importancia de que as políticas de benestar laboral teñan en conta as necesidades das pequenas e medianas empresas, fundamentais para o tecido produtivo e que non sempre dispoñen dos recursos necesarios para desenvolver medidas preventivas máis alá das obrigas legais.
Por último, reiterou a vontade da Xunta de seguir traballando da man das organizacións empresariais, a través do diálogo e da cooperación, para avanzar en solucións útiles que contribúan á competitividade empresarial e á mellora das condicións laborais.