José González agradeceu tanto aos axentes sociais —á patronal e ao sindicato UGT— como aos expertos que compareceron nas distintas reunións técnicas o seu intenso traballo para definir medidas que permitan reducir as baixas laborais evitables
O conselleiro lembrou que Galicia sempre defendeu a necesidade de, respectando en todo momento os dereitos das persoas traballadoras, buscar o xeito de reducir un problema que lastra a competitividade das empresas e a produtividade da economía
Esta sétima reunión permitiu constatar a importancia de que todas as administracións actúen neste eido, pois a mala posición de Galicia nesta cuestión débese en boa medida ás baixas de máis de 365 días, que xestiona en exclusiva o Goberno central
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu hoxe á sétima reunión técnica do grupo de traballo de Mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo en Galicia celebrada ao abeiro da Mesa do Diálogo Social. Fíxoo coincidindo coa última das comparecencias previstas, neste caso a proposta dos axentes sociais, nas que se analizaron os múltiples factores que inciden neste problema e que servirán para completar nos próximos días o borrador de plan integral para reducir o seu impacto.
O representante do Executivo galego agradeceu tanto aos axentes sociais —á patronal e ao sindicato UGT— como aos expertos que compareceron nas distintas reunións técnicas o seu intenso traballo nas últimas semanas para abordar este asunto desde as distintas perspectivas que é necesario ter en conta para adoptar medidas que sexan efectivas e, en conxunto, permitan reducir as baixas laborais que son evitables.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que Galicia defendeu desde o principio a necesidade de abordar esta cuestión con rigorosidade desde o diálogo social, respectando en todo momento os dereitos adquiridos polas persoas traballadoras e buscando o xeito de reducir, na medida do posible, o absentismo que é evitable pois lastra a competitividade das empresas e supón un importante custo para o conxunto da economía.
De feito, esta última comparecencia —de representantes sindicais que participan na mesa do Diálogo Social sobre absentismo a nivel nacional— permitiu constatar o que Galicia trasladou desde o primeiro momento: que é preciso que todas as administracións actúen de xeito coordinado para abordar este problema. Neste sentido, é vital que actúen tanto os Gobernos autonómicos, que teñen un papel moi relevante nas baixas de menos de 365 días de duración, como o central, que xestiona en exclusiva as de máis dun ano de duración a través da Seguridade Social e que se teñen demostrado como unha das principais causas de que a comunidade galega estea na actualidade entre as que contan con máis xornadas laborais perdidas por absentismo segundo distintos informes.
Ante esta situación, a Xunta considera fundamental contar cun plan integral que poña deberes tanto ás distintas administracións como aos axentes sociais a través de medidas serias e que permitan reducir o impacto do absentismo na economía. Dado que Galicia é a segunda comunidade con maior porcentaxe de xornadas de traballo perdidas, a mellora de posicións neste eido —converxendo por exemplo coa media nacional— permitiría reducir os gastos da Seguridade Social, das empresas —elevando a súa competitividade— e permitiría incrementar considerablemente a produtividade do conxunto da economía.
O Diálogo Social como marco clave
Esta sétima xuntanza enmárcase no labor que está a facer o Goberno galego cos axentes sociais no marco do Diálogo Social. Neste espazo analizáronse nas últimas semanas distintas cuestións de cara a establecer medidas coas que mellorar o benestar laboral e reducir o impacto do absentismo na economía. O fin último é incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión, do que se prevé contar cun borrador nos vindeiros días para aprobalo antes de que remate o mes e comezar a aplicar as medidas o antes posible. Sempre buscando o consenso de todas as partes implicadas e respectando en todo momento os dereitos das persoas traballadoras.
A esta reunión precedéronlle outras con distintos axentes implicados, entre eles os relacionados coa seguridade e saúde no traballo, enfermería do traballo, recursos humanos de empresas galegas, graduados sociais, especialistas en xestión sanitaria e da Consellería de Sanidade, as mutuas ou o equipo redactor do informe da USC e da UVigo sobre o absentismo laboral en Galicia.