A Fundación Artesanía de Galicia participou esta semana en eventos desenvolvidos nas dúas cidades —‘Materia Prima’ e ‘Craft Lab’—, nos que presentou o proxecto Artesanía no Prato como colaboración entre o sector artesanal e a hostalería
A maiores, na capital española, Artesanía de Galicia foi protagonista nunha mesa de debate xunto cos obradoiros Belategui Regueiro, Sandra Vilas e Anaquiños de papel, na que se analizou o papel dos oficios artesanais na industria da moda
A marca Artesanía de Galicia estivo presente esta semana en diferentes eventos en Granada e Madrid. No primeiro caso, a Fundación Artesanía de Galicia coorganizou a segunda edición do encontro profesional sobre gastronomía e artesanía Materia Prima, en colaboración co Centro Albayzín, coas escolas de formación do Servizo Andaluz de Emprego e co Centro de Referencia Nacional de Artesanía. Do luns 16 ao mércores 18 de novembro, o evento inspirouse no proxecto Artesanía no Prato, impulsado pola Xunta.
No encontro granadino, a iniciativa galega buscaba servir de modelo e inspiración para futuras colaboracións e sinerxías entre os sectores da artesanía e da gastronomía de Andalucía. O programa artellouse en base a diferentes mostras de cociña e degustacións, tanto con cociñeiros andaluces como con chefs galegos, como Héctor López, do Restaurante España —que tamén foi o encargado de impartir unha clase maxistral para o alumnado de cociña do CPIFP Hurtado de Mendoza—; Javier Rodríguez Ponte “Taky”, de Catering Boketé; Jorge Gago, da Maceta; e Salomé Beiroa, especialista en queixos con denominación de orixe.

O evento completouse cunha exposición de fotografías do proxecto Artesanía no Prato na que se amosaron diferentes exemplos de colaboracións entre cociñeiros galegos e obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na cerámica, na madeira, na pedra, na cestería, na forxa e no coiro.
Exposición en Madrid
En Madrid, o proxecto Artesanía no Prato foi protagonista da iniciativa Craft Lab, un espazo no que se explora o potencial da artesanía contemporánea no deseño dun hotel ou dun restaurante, enmarcada no evento Interihotel. Na edición deste ano, abordáronse as novas linguaxes e formatos da cerámica contemporánea traballando desde a herdanza do oficio e o contexto local a través dunha exposición de pezas de diferentes profesionais, como o obradoiro Risco Estudio (A Coruña), inscrito en Artesanía de Galicia, e cunha representación do proxecto Artesanía no Prato a través de pezas de Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín), Ojea Estudio (Vigo), Laura Delgado (Cambre), Witchneeds (Vigo) e Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños).
Nese contexto, o martes 17 de novembro tivo lugar a mesa de debate Sen pasado non hai presente. Tradición e modernidade na artesanía contemporánea, moderada por Tachy Mora —comisaria da mostra— e na que participou a ceramista viguesa Paula Ojea para falar do seu traballo e da súa vinculación co proxecto Artesanía no Prato, xunto con Miguel Ángel García, de Pott Project, e Pedro Rosa, de Todobarro.

Artesanía e moda sustentable
A maiores, o luns 16 de novembro, a marca Artesanía de Galicia e as oportunidades que os oficios artesanais lle poden ofrecer á industria da moda foron o centro dunha das conversas do evento Sustainable fashion way, no marco Retail master summit, no Hotel Riu de Madrid. Na mesa de debate participaron Luisa Estévez e Óscar Montero, do obradoiro Belategui Regueiro —finalistas do Premio Artesanía de Galicia 2026—, que falaron da súa traxectoria no oficio do tecido artesanal e da súa colaboración con deseñadores de alta costura como Teresa Helbig.
A compostelá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega e finalista por segundo ano consecutivo do Premio Emprendemento nos Premios Nacionais de Artesanía 2026, explicou a súa experiencia de adaptación e escalada da súa produción artesanal de pezas de feltro aos pedidos dunha marca como Loewe.
Por último, Cristina Velasco, do obradoiro Anaquiños de papel, falou do seu traballo para marcas de moda creando pezas promocionais, escaparates ou editoriais que se publican en revistas especializadas.