A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Grupo TT, un dos beneficiarios desta orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O Goberno galego apoia con estas achegas a empregabilidade dos menores de 30 anos mediante contratos formativos a tempo completo de doce meses de duración
A Xunta de Galicia deixou o ano pasado en Ferrolterra máis de 126.000 euros en achegas do programa primeira experiencia profesional, coas que o Goberno galego apoia a empregabilidade da xuventude mediante contratos formativos a tempo completo de doce meses de duración. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá do resultado da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante a visita á empresa de loxística e transporte de mercancías Grupo TT, un dos seis beneficiarios destas achegas na comarca que contratou deste xeito a dous traballadores.
Tal e como explicou Martina Aneiros, trátase dun programa que contou cun orzamento de 6,3 M€, co que se busca cumprir o obxectivo de dotar ós mozos e mozas de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade, atendendo ás demandas do tecido empresarial e, ó mesmo tempo, contribuír a reter o seu talento en Galicia. “O Goberno galego busca facilitar a inserción da mocidade no mundo laboral, cubrindo os custo salariais destes postos formativos con contías que van dos 9.975 euros aos 16.625 euros”, explicou.
Aneiros sinalou que este é un programa mixto que, ademais de impulsar a contratación de mozas e mozos a tempo completo con apoios económicos, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.
Así, co propósito de atender as necesidades específicas de emprego no tramo de idade de menores de 30 anos, o programa artellouse en dúas liñas concretas de axuda: a primeira, para contratar mozas e mozos con titulación ou certificación profesional; e a segunda, para brindar unha oportunidade tamén a quen careza de cualificación profesional recoñecida.
