En resposta a unha pregunta parlamentaria, José González defende deseñar cos axentes sociais un plan integral para reducir o impacto do absentismo en Galicia, tendo en conta o informe elaborado por expertos das universidades de Santiago e Vigo

Recalca que Galicia é a segunda comunidade na que máis duran as baixas, mentres que España é o país da UE con maior absentismo laboral por incapacidades temporais, o que supón un custo segundo a AIREF de 16.500 millóns de euros anuais

Considera imperativo tomar medidas dentro das competencias autonómicas e sorpréndese das críticas recibidas cando o Goberno central ten amosado a mesma preocupación ca Galicia por este “problema de primeira magnitude”

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento o Diálogo Social como a ferramenta idónea para abordar o impacto do absentismo en Galicia co máximo respecto aos dereitos lexítimos das persoas traballadoras, tras terse aprobado no Consello da Xunta do luns a súa institucionalización. Tomando como base o informe de expertos das universidades de Santiago de Compostela e Vigo presentado ese mesmo día, considerou imperativo tomar medidas con rigor e responsabilidade dentro das competencias autonómicas.

Na súa comparecencia, o conselleiro referiuse aos datos da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF), que cifra o custo que supón o absentismo en España en 16.500 millóns de euros anuais. Tamén aos do Instituto Valenciano de Investigacións Sociolóxicas, que sinalan que España empeora 4,6 veces máis que a media da UE e segue liderando o absentismo laboral por incapacidade temporal, mentres Galicia —segundo o estudo das universidades galegas— se confirma como a segunda comunidade autónoma máis afectada.

Plan integral

Na súa comparecencia, José González amosouse sorprendido polas críticas recibidas antes mesmo de deseñarse o plan integral para reducir o impacto do absentismo en Galicia anunciado polo presidente Rueda, cando o Goberno central se preocupa —asegura— da mesma maneira por este “problema de primeira magnitude”. Nese senso, citou accións como a creación do Observatorio Estatal da Incapacidade Temporal ou o acordo asinado entre o Executivo e os sindicatos en 2024 para impulsar a colaboración das mutuas nas probas diagnósticas das enfermidades musculoesqueléticas.

O titular de Emprego puntualizou que a Xunta persegue reducir as baixas que poidan ser evitables reforzando a prevención de riscos laborais e mellorando o benestar laboral, evitar prolongacións innecesarias das baixas introducindo axustes nos procesos de xestión e control e, ademais, loitar contra os posibles abusos.

En palabras de González, a abordaxe do absentismo non atinxe só á Administración autonómica, tamén ao Estado, a sindicatos e a organizacións empresariais, aos que apela para buscar solucións consensuadas. Un consenso ao que tamén insta á oposición.

Loading...