O delegado territorial da Xunta en Lugo explicou que o proxecto forma 20 persoas desempregadas nas especialidades de xardinaría, construción e atención sociosanitaria

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou os participantes no obradoiro dual de emprego Serra do Faro X, que comparten os concellos de Chantada, Carballedo e Taboada.

O proxecto, financiado polo Goberno galego, forma 20 persoas desempregadas en distintas especialidades. En concreto, sete dedícanse a labores de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, outros tantos realizan operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e seis prestan atención sociosanitaria no Fogar residencial centro de día da Barrela.

O obradoiro combina formación teórica e práctica con traballo efectivo durante nove meses, desde o pasado xuño ata o próximo mes de febreiro; ademais, inclúe incentivos á contratación para facilitar a posterior incorporación dos participantes en empresas locais.

Estes programas cumpren a dobre función de mellorar a empregabilidade do alumnado e incrementar os servizos e dotacións dos municipios que os promoven, xa que actúan sobre espazos públicos e recursos de interese social.

Así, no municipio de Carballedo está previsto que completen o acondicionamento dun depósito de auga que será utilizado para a extinción de incendios, reconstruirán o muro da Rectoral de Santa Cristina, e manterán as zonas verdes da Barrela, Castro e A Tolda.

En Chantada pavimentarán a praza de Concepción Arenal e a rúa do Comercio, nas que incluirán novas zonas verdes, e encargaranse do mantemento das áreas axardinadas do núcleo urbano. Pola súa banda, en Taboada van acondicionar as beirarrúas e espazos naturais da localidade, así como a área recreativa da Medela.

 

Loading...