A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na xornada de posta en valor do proxecto IQUAL Campus, enmarcado no programa Interreg POCTEP (España–Portugal), unha iniciativa liderada pola Xunta para promover a igualdade de oportunidades no emprego a través da formación e a sensibilización. O proxecto ofrece un campus en liña gratuíto dirixido á cidadanía da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, desenvolvido en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, a Comunidade Intermunicipal do Cávado e a Universidade do Porto.
Pérez Iglesias puxo en valor a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal e o papel da formación para avanzar cara a contornas laborais máis igualitarias. Os contidos do campus abordan cuestións como a igualdade de trato e retributiva, a conciliación corresponsable, os plans de igualdade, a prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero e a protección fronte ao acoso e á violencia de xénero. Ademais, a secretaria xeral subliñou que IQUAL Campus complementa outras iniciativas da Xunta nesta materia, como o Campus en liña de igualdade laboral ou o programa Que non te líen, ti elixes, orientado a promover a libre elección profesional sen estereotipos de xénero.