A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social e a directora xeral de Xuventude participaron na ‘Xornada divulgativa para persoas traballadoras autónomas e emprendedoras’ de APE Galicia
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron hoxe en Tomiño na Xornada divulgativa para persoas traballadoras autónomas e emprendedoras, impulsada por APE Galicia. No encontro —no que estivo presente o presidente da entidade, José Ramón Caldas—, destacaron a importancia de fortalecer o ecosistema emprendedor, facilitando ás persoas que deciden poñer en marcha un negocio todas as ferramentas e recursos necesarios ao longo do seu percorrido empresarial, así como coordinando os distintos axentes no territorio.
Neste sentido, Vázquez Guzmán participou na mesa de diálogo Emprender con acompañamento: dos recursos ás experiencias reais onde —xunto cunha técnica do Polo de emprendemento do Porriño— puxo en valor a Rede de polos que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia, tres delas na provincia de Pontevedra, situadas no Porriño, en Silleda e en Vilanova de Arousa. En concreto, salientou o asesoramento gratuíto que pon a disposición das persoas emprendedoras que buscan impulsar ou consolidar os seus proxectos, así como a importancia da colaboración público-privada e de iniciativas como a rede Ultreia Galicia, da que forma parte APE.

Pola súa banda, Lara Meneses puxo en valor a importancia de favorecer a inserción da mocidade no eido profesional. Nesta liña, apuntou o programa Fórmate na empresa, consolidado xa na súa cuarta edición. Lembrou que se trata dunha iniciativa que se complementa coas accións de asesoramento e titorización do programa Xuventude Mentoring, “constituíndo entre ambos os dous proxectos un piar fundamental na estratexia para a promoción da empregabilidade e o desenvolvemento profesional da xente nova”, concluíu.
