A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, acompañada polo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez, participou hoxe na presentación das conclusións do 3º Observatorio CEO sobre capital humano, titulado Intelixencia Artificial e o futuro da xestión de persoas. Alí, fixo fincapé en que a intelixencia artificial pode transformar os procesos, pero son as persoas as que transforman as empresas polo que —engadiu— deben seguir situándose no centro de cara a garantir o benestar laboral, a inclusión e a sustentabilidade.
Na súa intervención, a directora xeral apostou por medidas a prol da formación, da calidade do emprego e da inserción laboral de colectivos prioritarios como parte da estratexia das empresas, do Diálogo Social e das políticas públicas de emprego. Nesa liña, referiuse aos orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración presentados onte no Parlamento polo conselleiro José González, sinalando que buscan contribuír a que ninguén quede atrás no proceso de transformación tecnolóxica, converténdoo nunha oportunidade para gañar competitividade, crear actividade económica e xerar emprego inclusivo de calidade.