José González defende a importancia do diálogo permanente e a escoita activa co sector para avanzar na mellora continua das políticas activas de emprego impulsadas polo Goberno galego
Pon en valor a aposta estratéxica de Galicia por reforzar un modelo de formación para o emprego máis aliñado coas necesidades reais do tecido produtivo, máis áxil e orientado á inserción laboral efectiva
Neste marco, destaca o recente redeseño das principais ordes de formación para o emprego, entre elas as AFD (60 M€), con novos mecanismos como o compromiso mínimo de participación do alumnado por parte das entidades beneficiarias
Incide tamén na aposta da Xunta por pechar o círculo da empregabilidade, priorizando aos participantes das accións formativas autonómicas no programa de incentivos á contratación ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’ (19,7 M€)
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura da Asemblea xeral da Asociación Galega de Empresas de Formación (Cecap Galicia), na que puxo en valor o papel das entidades de formación como axentes clave na conexión entre o talento e as demandas de capacitación das empresas e de cada territorio.
González sinalou, ademais, que na aposta estratéxica da Xunta por reforzar un modelo de formación para o emprego máis aliñado coas necesidades reais do tecido produtivo, máis áxil e orientado á inserción laboral, resulta fundamental o diálogo permanente co sector da formación como factor determinante para o deseño e mellora continua das políticas activas de emprego.
Neste sentido, agradeceu a Cecap Galicia a súa participación no proceso de escoita activa levado a cabo polo Goberno galego para o recente redeseño das ordes de formación para o emprego, entre elas a liña de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), co obxectivo de reforzar a súa eficacia e orientalas á inserción laboral, introducindo mecanismos como o compromiso mínimo de participación do alumnado por parte das entidades beneficiarias. A orde, que ten o prazo aberto ata o vindeiro 30 de setembro, ou esgotamenteo de crédito, conta cun orzamento total de 60 M€ tras ser ampliada en 20 M€ adicionais debido á súa elevada demanda.

Inserción laboral
Na súa intervención, o conselleiro incidiu tamén na importancia de pechar o círculo da empregabilidade mediante unha maior conexión entre os recursos que se destinan á formación para o emprego e os incentivos á contratación, co obxectivo de garantir que o investimento público en cualificación teña continuidade na inserción laboral das persoas participantes.
Neste sentido, puxo de manifesto que este ano se priorizan por primeira vez as persoas participantes nas accións formativas autonómicas —como as AFD, obradoiros de emprego, programas integrados de emprego ou contratos formativos ao abeiro das axudas de primeira experiencia profesional— dentro da principal liña de apoio á contratación nas empresas galegas, o programa Galicia Suma Talento: Emprégate, dotado con 19,7 M€.
González trasladou tamén as demandas reiteradas ao Goberno central, orientadas a reclamar unha maior flexibilidade na xestión dos fondos de formación para o emprego e a que se teñan en conta as particularidades de cada comunidade autónoma, co fin de adaptalos mellor ás necesidades do mercado laboral galego.