A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago na mesa redonda Hub tecnolóxico do XXI Fórum AUSAPE 2026, un congreso de referencia tecnolóxica que combina contido técnico de alto nivel con espazos como un foro de emprego concibido para captar talento. Nese senso, a directora xeral destacou a importancia da formación especializada, como a que se imparte no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia dirixida tanto a persoas traballadoras actuais como futuras do sector TI, cun total de 151 cursos e 134 seminarios previstos dentro da programación actual 2025-2026.
No eido da formación para o emprego, Lado destacou a maiores iniciativas como os Bonos Talento Empresa, dotados con 2,2 M€ e que veñen de abrir prazo de solicitude para a posta en marcha de accións formativas non regradas e de curta duración —entre 16 e 100 horas— adaptadas ás necesidades específicas de cada empresa e dirixidas a mellorar os coñecementos e competencias dos seus cadros de persoal, tamén no eido tecnolóxico. Segundo sinalou, esta orde vai na liña do enfoque do novo Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo xa en vigor, que permitirá ás empresas crear formación curta, práctica e certificada segundo as súas necesidades.