A delegada da Xunta visitou esta mañá as instalacións de Hornos Lamastelle un dos centros beneficiarios da pasada convocatoria destas axudas por un importe de máis de 646.000 euros

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou esta mañá en Oleiros as instalacións de Hornos Lamastelle, un dos centros especiais de emprego beneficiarios da orde de axudas da Xunta de Galicia correspondente ao ano 2025, dirixida ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras con discapacidade nestes centros.

Durante a visita, Belén do Campo destacou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou no 2025 a Hornos Lamastelle un total de máis de 700.000 euros a través das diferentes liñas de apoio aos centros especiais de emprego. Desta contía, máis de 646.000 euros corresponden ás axudas para o mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade, 56.246 euros ás unidades de apoio á actividade profesional e 433 euros ás axudas para a creación de emprego estable, adaptación de postos de traballo e asistencia técnica.

A representante autonómica salientou ademais que Hornos Lamastelle vén recibindo o apoio da Xunta de Galicia de maneira continuada desde o ano 1994, o que pon de manifesto a traxectoria e o importante labor social e económico que desenvolve este centro especial de emprego na comarca

Durante o percorrido polas instalacións, a representante autonómica puido coñecer de primeira man o traballo que desenvolve esta empresa galega, que leva máis de tres décadas combinando tradición, innovación e compromiso social para ofrecer produtos de alta calidade adaptados ás demandas do mercado.

A delegada destacou que Hornos Lamastelle é “un exemplo de como a excelencia empresarial pode ir da man da inclusión social, xerando oportunidades laborais para persoas con discapacidade e contribuíndo ao desenvolvemento económico de Galicia”.

Durante a visita, a dirección da empresa explicou a evolución dun proxecto que naceu a comezos dos anos noventa a partir dun curso de formación especializada en panadaría e pastelaría. Co paso do tempo, aquel pequeno obradoiro converteuse nunha empresa de referencia no sector alimentario, especializada na elaboración artesanal de empanadas galegas, Tarta de Santiago e biscoitos, mantendo sempre como sinal de identidade a calidade dos ingredientes e o coidado nos procesos de produción.

A delegada puxo en valor a capacidade de adaptación da compañía, que soubo incorporar novas tecnoloxías e sistemas de ultraconxelación para ampliar a súa presenza en mercados nacionais e internacionais sen renunciar á elaboración tradicional que caracteriza os seus produtos.

Neste senso, Belén do Campo destacou que na área da Coruña se lle concederon estas achegas, o ano pasado, a 30 centros de emprego, 23 da cidade da Coruña, 2 en Cambre, 3 en Oleiros, 2 en Arteixo. Para manter ao redor de 905 postos de traballo por un importe de máis de 2,2 millóns de euros.

Na provincia da Coruña a concesión destes apoios chegaron a 93 centros para o mantemento de case 2.400 postos de traballo grazas a un investimento que supera os 12 millóns de euros.

A visita serviu tamén para recoñecer a contribución deste centro especial de emprego á integración laboral das persoas con discapacidade, así como o seu compromiso co medio ambiente e coa profesión artesá que continúa guiando a súa actividade desde os seus inicios.

Convocatoria 2026

A representante do Goberno galego lembrou que a Xunta pechou o 29 de maio o prazo de solicitude dunha nova convocatoria destas axudas, dotada con máis de 27 millóns de euros, destinada a apoiar os centros especiais de emprego e promover a inserción laboral das persoas con discapacidade. Neste senso, a delegada destacou que Hornos Lamastelle solicitou para esta nova convocatoria unha achega de 1 millón de euros.

Neste sentido, explicou que a principal liña da orde conta cun orzamento de máis de 24,4 millóns de euros para financiar entre o 50 % e o 65 % do salario mínimo interprofesional das persoas traballadoras con discapacidade, cun límite máximo de 2,9 millóns de euros por centro solicitante. Ademais, subliñou que as entidades poderán recibir anticipos de ata o 100 % da contía concedida, co obxectivo de facilitar a súa estabilidade financeira.

Belén do Campo puxo en valor o papel dos centros especiais de emprego como “unha ferramenta clave para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva, xerando oportunidades laborais para as persoas con discapacidade e favorecendo a súa autonomía persoal e profesional”.

Así mesmo, reafirmou o compromiso da Xunta coa economía social e cun modelo “que crea emprego de calidade, fortalece a cohesión social e contribúe ao equilibrio territorial”.

A delegada territorial explicou tamén que a orde inclúe outros dous programas específicos de apoio aos centros especiais de emprego.

Por unha banda, unha liña dotada con preto de 1,6 millóns de euros destinada a financiar os custos salariais e de Seguridade Social da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio destes centros, profesionais que realizan tarefas de acompañamento ás persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral.

Por outra, a convocatoria incorpora unha segunda medida, cun orzamento superior ao millón de euros, destinada a impulsar a creación de emprego estable e mellorar as condicións laborais nos centros especiais de emprego.

Esta liña contempla incentivos á contratación indefinida vinculados á realización de investimentos en activo fixo —como acondicionamento de locais, adquisición de maquinaria ou equipamentos informáticos— cunha axuda base de 10.000 euros por cada posto creado a xornada completa. Esta contía poderá incrementarse ata un máximo de 25.000 euros no caso de contratación de colectivos prioritarios, como mulleres, persoas en risco de exclusión social ou emigrantes retornados, así como cando os centros estean situados no medio rural.

Ademais, inclúe apoios específicos para a adaptación de postos de traballo e eliminación de barreiras arquitectónicas, cun límite de 1.800 euros por posto, así como axudas de asistencia técnica destinadas á creación, mantemento ou mellora da xestión dos centros, cun máximo de 15.000 euros por entidade.

Finalmente, Belén do Campo enmarcou esta convocatoria na Estratexia galega da economía social Horizonte 2027 e destacou que “esta orde consolida a aposta da Xunta por un emprego inclusivo, estable e de calidade, ao tempo que incorpora medidas de simplificación e axilización administrativa para facilitar a tramitación das axudas”.

A delegada tamén destacou que este centro recibiu, o ano pasado, outra achega de case 8.200 euros dentro da orde de acudas para a implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza nas empresas galegas a través do IGAPE da Consellería de Economía e Industria.

Loading...