A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou hoxe no acto de presentación das conclusións do 4º Observatorio CEO sobre o capital humano, Capital humano autónomo: a forza que impulsa o territorio, organizado pola Confederación Empresarial de Ourense. Alí salientou o valor desta ferramenta no pulo ao tecido autónomo da provincia así como no desenvolvemento de medidas que atendan as necesidades e a realidade deste colectivo.
Nesta liña, fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada para axudar as persoas traballadoras autónomas, que co seu labor contribúen á dinamización socioeconómica do territorio. Para iso, lembrou, contan co apoio e acompañamento da Xunta a través de ferramentas como a Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia, catro delas na provincia de Ourense —O Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín— e á que poden recorrer tanto as persoas que queren poñer en marcha a súa idea de negocio como as que buscan consolidar unha actividade.