O DOG publica hoxe a nova andaina desta iniciativa pioneira en España de asesoramento personalizado e gratuíto da que xa se beneficiaron case 700 pemes, de eidos como a construción, a asesoría, os sectores primarios, as TIC ou o turismo
Este ano incorpórase o servizo de diagnose, asesoramento e planificación do benestar organizacional nas pemes galegas, que suporá aplicar nun total de 45 empresas unha metodoloxía específica e detallada, adaptada ao seu tamaño e sector
Así, avaliaranse os principais piares do benestar organizativo —material, físico, mental e emocional— para identificar fortalezas, debilidades e oportunidades de mellora
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a quinta edición do programa Responsabilízate, unha iniciativa pioneira en España de asesoramento personalizado e gratuíto a prol da sustentabilidade da que xa se teñen beneficiado case 700 pemes e que reforza nesta nova andaina a súa aposta polo benestar laboral. Así, este ano incorpórase o servizo de diagnose, asesoramento e planificación do benestar organizacional nas pemes galegas, que consistirá en levar a cabo unha diagnose detallada nun total de 45 empresas, mediante unha metodoloxía específica adaptada ao seu tamaño e sector.
En concreto, avaliaranse os principais piares do benestar organizativo: material, físico, mental e emocional. Os traballos incluirán primeiramente o deseño e execución dunha metodoloxía de recollida de información a través de entrevistas, cuestionarios e revisión documental. Posteriormente, avaliaranse as medidas existentes en materia de benestar e analizarase a súa eficacia, para despois identificar fortalezas, debilidades e oportunidades de mellora. Por último, elaborarase un informe diagnóstico individual para cada empresa.
Balance da iniciativa
O programa Responsabilízate impulsado polo Goberno galego estase a caracterizar ano a ano por prestar un acompañamento integral a pemes e microempresas. Das preto de 700 que participaron ata o de agora na iniciativa, destacan as pertencentes a eidos laborais como a construción, a asesoría, os sectores primarios, as TIC ou o turismo.
En concreto, tras unha fase inicial de avaliación, formación e asesoramento na que se teñen propiciado ata o momento case 12.000 horas de atención personalizada, acádase unha segunda etapa de deseño de plans de acción para avanzar cara a modelos de negocio sostibles e de implantación de medidas ambientais, sociais e de gobernanza (ASG). Entre estas medidas poden atoparse plans de descarbonización ou políticas ambientais, plans de igualdade e diversidade, políticas de conciliación e de desconexión dixital ou memorias de sustentabilidade e códigos éticos.
Selo Responsabilízate
O programa supuxo a implantación do Selo Responsabilízate, que contribúe a consolidar unha comunidade empresarial que aposta pola responsabilidade social, pola gobernanza e pola sustentabilidade, avogando pola transformación sostible das pemes galegas e por garantir que as empresas se adapten a un mercado en continua evolución, fortalecendo así a súa competitividade a longo prazo.
Outros apoios do Goberno galego neste ámbito son os destinados a pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado para a implantación de medidas de igualdade laboral, conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260602/AnuncioG0767-250526-0004_gl.html