González abordou no encontro a recentemente constituída Mesa do Diálogo Social de Galicia, no marco da que botou a andar o grupo de traballo para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo
Referiuse á aposta autonómica a prol dunha formación para o emprego flexible e á carta das empresas con fitos como o decreto de microcredenciais para o emprego
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo esta tarde un encontro con representantes dos colexios provinciais de graduados sociais no que abordaron cuestións do eido laboral clave na competitividade do tecido produtivo e as liñas estratéxicas da Consellería neste eido. Neste contexto, José González puxo de relevo a importancia da colaboración público-privada e do Diálogo Social para afrontar retos como a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo e sinalou que para iso son esenciais encontros coma este.
Na xuntanza, González fixo fincapé na recentemente constituída Mesa do Diálogo Social de Galicia tras a institucionalización por decreto desta ferramenta, no marco da que botou a andar o grupo de traballo para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo de cara a avanzar no deseño do Plan integral nesta materia. Neste marco, incidiu en que se busca o consenso desde o máximo respecto aos dereitos das persoas traballadoras e tamén progresar en medidas de mellora das contornas laborais —entre elas o deseño da Estratexia galega de benestar laboral—, na coordinación dos sistemas, na capacidade de resposta sanitaria e na mellora da xestión administrativa dos procesos vinculados ás incapacidades temporais a través dunha folla de ruta tripartita baseada no consenso, o rigor e a cooperación institucional.
A maiores, o conselleiro referiuse á aposta autonómica a prol dunha formación para o emprego flexible e á carta das empresas con fitos como o decreto de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Tamén salientou o modelo propio impulsado pola Xunta para a atracción de talento, cun primeiro eixo no retorno da comunidade galega do exterior e un segundo eixo nos traballadores de terceiros países. Unha folla de ruta, expuxo, baseada nunha inmigración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda das empresas e cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade.
Na súa intervención, o titular de Emprego aproveitou para recordar dúas ordes actualmente abertas. Por unha banda, o programa Retorna Cualifica Emprego, cun orzamento bianual de 2,3 M€ para procurar a volta con traballo dunhas 200 persoas. Por outra, a convocatoria nova cun importe inicial de 1,5 M€ para a rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras, que priorizará como destinatarios finais os traballadores de sectores estratéxicos e valorará os beneficiarios das bolsas BEME ou do Retorna Cualifica.