Salienta que transmiten valores que identifican ao pobo galego como a cultura do esforzo, a responsabilidade ou a estabilidade

Máis do 90% das empresas galegas son de base familiar, representan o 86% do PIB autonómico e xeran 600.000 postos de traballo

O Goberno galego vén de constituír de xeito formal a Mesa do Diálogo Social de Galicia para afrontar retos actuais como o absentismo laboral, a cobertura de vacantes ou a remuda xeracional

 

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel das empresas familiares na economía galega ao lembrar que son a base do tecido produtivo autonómico e o mellor exemplo de que é posible medrar e converterse nun referente desde a terra e sen esquecer as raíces. Neste sentido, resaltou que “ter esa identidade e ese apego á terra é un valor importantísimo que nós queremos conservar”.

Durante a súa intervención na clausura da XXVI Asemblea xeral da Asociación Galega de Empresa Familiar, na que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente agradeceu a estas compañías o seu compromiso co territorio e por transmitir valores que se corresponden co que identifica aos galegos como pobo: a confianza, a estabilidade, a prudencia, a cultura do esforzo ou a responsabilidade.

Rueda lembrou que nove de cada dez empresas galegas teñen base familiar, representan o 86% do PIB autonómico e xeran 600.000 postos de traballo en toda a comunidade: “Todo o apoio que lles poidamos ofrecer será en beneficio mutuo: das súas empresas, de tantos traballadores, do tecido económico galego e tamén da nosa identidade”, apuntou. Por iso, asegurou que na Xunta sempre van contar cun aliado. “Se vos vai ben, a Galicia tamén”, indicou.

Nesta liña apostou pola escoita activa, o diálogo social e a colaboración público-privada para seguir avanzando. Así, a semana pasada se consolidou de xeito formal a Mesa do Diálogo Social de Galicia na que todos os axentes traballarán man a man para facer fronte aos actuais retos do sector como a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo, a cobertura de vacantes, a necesidade dunha formación para o emprego máis flexible ou a remuda xeracional. Neste sentido, apelou á necesidade de conseguir a competencia para outorgar permisos de traballo vinculados á residencia, xa que “fará que todo isto sexa máis entendible, máis aceptable e máis beneficioso para todos”.

Por último, o presidente fixo tamén fincapé na necesidade de aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías, ver a intelixencia artificial ou a dixitalización como unhas aliadas, e apostar pola innovación tamén desde o sector privado para mellorar a competitividade das compañías galegas.

Loading...