O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no acto organizado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para a presentación do informe do 1º Observatorio de Capital Humano, centrado no absentismo e na escaseza de man de obra. Alí, reafirmou o Diálogo Social como a ferramenta idónea para abordar o absentismo da man de sindicatos e patronal, sempre desde o máximo respecto ás persoas traballadoras.

Fernández remarcou que o obxectivo da Xunta é presentar entre este mes e o que vén, no marco do Diálogo Social, os primeiros avances do plan integral contra o absentismo laboral en Galicia, co que se busca adoptar medidas que reduzan as baixas evitables, reforcen a prevención de riscos laborais e o benestar no traballo, optimicen os procesos de xestión e control para evitar prolongacións innecesarias e loiten contra abusos. Así mesmo, o secretario xeral sinalou que no Diálogo Social tamén se abordará o deseño da próxima Estratexia de Benestar Laboral na que está a traballar a Xunta e que incidirá, entre outros aspectos, no benestar laboral e na prevención do absentismo.

Loading...