O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta semana no webinario Construíndo benestar: ferramentas para contornas de traballo psicosocialmente saudables, organizado polo Issga en colaboración con Asepeyo
Abordáronse factores como a carga e o tempo de traballo, a claridade de roles, a autonomía, o apoio ou a existencia de procesos xustos e transparentes e a súa influencia directa no benestar, na motivación e no rendemento no traballo
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta semana nun webinario enmarcado nos actos co gallo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora o próximo martes 28 de abril. Organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) en colaboración con Asepeyo, abordou o benestar laboral, que centrará a nova Estratexia galega de benestar laboral e responsabilidade social empresarial que deseñará este ano a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que se abordará no seo do Diálogo Social.
Así, baixo o título Construíndo benestar: ferramentas para contornas de traballo psicosocialmente saudables, abordáronse factores como a carga e o tempo de traballo, a claridade de roles, a autonomía, o apoio ou a existencia de procesos xustos e transparentes e a súa influencia directa no benestar, na motivación e no rendemento no traballo. Nesa liña, o principal obxectivo era dotar as persoas participantes de coñecementos e ferramentas prácticas para fomentar contornas de traballo psicosocialmente saudables, cun enfoque preventivo e organizacional, considerando distintos niveis de actuación: no posto de traballo, na organización da actividade e nas políticas e prácticas globais da empresa.
En concreto, ao longo do webinario tratouse o marco normativo e estratéxico dos riscos psicosociais na empresa, metodoloxías para a avaliación de factores de risco psicosocial e estratexias para transformar a identificación de riscos en accións efectivas que melloren a saúde e seguridade laboral. O contido apóiase no modelo de empresa saudable promovido pola Organización Mundial da Saúde, poñendo o acento na contorna psicosocial de traballo, isto é, na organización do traballo, na cultura preventiva, na comunicación, no liderado e nas relacións interpersoais.
Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo
A xornada enmárcase no Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, cuxo lema para 2026 é Contornas de traballo psicosociais saudables: un camiño cara a traballadores realizados e organizacións fortes. Ademais, alíñase coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que pon o foco na crecente relevancia dos riscos psicosociais e na necesidade de avanzar cara a unha visión integral da saúde laboral.