O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na apertura do XII Encontro internacional de emprendedores mozos, Eije A Coruña 2026
Subliñou o papel da Rede de polos de emprendemento, con 15 oficinas en Galicia nas que se levan atendido máis de 6.100 proxectos
Explicou que a remuda xeracional é un dos eixos centrais da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia na que traballa o Goberno galego
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na apertura do XII Encontro internacional de emprendedores mozos, Eije a Coruña 2026 onde puxo de relevo a aposta da Xunta polo emprendemento ligado ao territorio e a prol da remuda xeracional nos negocios. Nesta liña, salientou o labor da Rede de polos de emprendemento, con 15 oficinas en Galicia nas que se levan atendido máis de 6.100 proxectos e subliñou que a remuda xeracional é un dos eixos centrais da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025-2030.
Unha estratexia, explicou, na que traballa o Goberno galego co fin de coordinar todo o ecosistema emprendedor da comunidade, favorecendo a colaboración público-privada para compartir recursos e xerar sinerxías no eido do emprendemento. Nesta liña, referiuse ás medidas autonómicas para promover a remuda xeracional no tecido autónomo, entre elas o Bono Remuda, que incrementou a súa contía nun 20% este ano ante a elevada demanda e que inclúe axudas de ata 30.000 euros e se estrutura en dúas liñas —Bono Remuda rural e Bono Remuda xeral—.
Deste xeito, o Bono Remuda permite cubrir ata o 75% do custo do traspaso, con achegas tanto para quen asume o negocio como para quen o traspasa por xubilación, co obxectivo de facilitar a continuidade de negocios rendibles e con arraigo no territorio. Ademais, expuxo que este é un dos cinco programas da orde única dotada de 40,7 M€ que ten prazo de solcitudes aberto ata o 30 de setembro.
Este tipo de accións, engadiu, son clave para afrontar o reto da remuda xeracional no actual contexto demográfico. Ao mesmo tempo, subliñou que Galicia aposta por medidas integrais, coordinadas e eficaces que permitan garantir a continuidade de negocios.