Segundo o documento elaborado por expertos da USC e da UVigo, Galicia é a 2ª CCAA con maior incidencia de absentismo laboral en porcentaxe de xornadas perdidas, duración media das incapacidades e prevalencia de procesos de longa duración
Ademais, o informe —presentado polo catedrático Santiago Lago— sinala o seu elevado impacto anual económico superando en 2024 os 985 M€ na Seguridade Social e 964 M€ nas empresas —cun aforro neste eido de 170 M€ de confluír coa media—
Esta realidade debe atenderse respectando os dereitos dos traballadores e tendo en conta que o avellentamento da poboación ou a estrutura produtiva só determinan un terzo da fenda na duración das baixas entre Galicia e o resto das CCAA
O informe tamén foi compartido hoxe aos axentes que integran o Diálogo Social, espazo que se verá potenciado coa aprobación no Consello do decreto que regula a composición e funcionamento desta ferramenta clave de negociación colectiva
A Xunta abordará neste seo un plan integral para reducir o impacto do absentismo co foco na redución de baixas evitables, a prevención de riscos e o benestar laboral, a optimización dos procesos de xestión ou, tamén, a loita contra abusos
Esta tarde presentouse en rolda de prensa o informe elaborado por expertos da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo sobre o impacto do absentismo laboral na economía galega. No acto —no que interveu o catedrático de Economía Aplicada da USC, Santiago Lago—, participou tamén o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández. Previamente, o documento foi tamén posto á disposición dos axentes sociais que forman parte da Mesa do Diálogo Social.
Durante a presentación, o catedrático destacou —tal e como recolle o informe— que o absentismo laboral constitúe hoxe un fenómeno de carácter estrutural e máis do 60 % das empresas consultadas recoñece que afecta de maneira alta ou moi alta o seu rendemento operativo. Este feito repercute de maneira directa no mercado laboral galego, situando a Galicia como a segunda comunidade autónoma tanto en porcentaxe de xornadas perdidas (7,6 %, fronte ao 6,3 % estatal), como en duración media das incapacidades e na prevalencia de procesos de longa duración. Así mesmo, Lago subliñou o impacto desta realidade na competitividade do tecido produtivo e no benestar dos traballadores. En termos económicos, o absentismo supuxo en 2024 un custo directo de preto de 985 M€ para a Seguridade Social e de 964 M€ para as empresas galegas, cun aforro potencial neste eido de 170 millóns no caso de que Galicia igualase os niveis medios de absentismo do conxunto estatal. Ademais, o impacto anual estimado sobre o Produto Interior Bruto galego do absentismo non cuberto acadou os 2.268 M€, aproximadamente o 3 % do PIB. Asemade, o estudo conclúe que factores estruturais como o avellentamento da poboación ou a estrutura produtiva só determinan un terzo da fenda na duración das baixas entre Galicia e o resto das CCAA, o que abre unha ventá de oportunidade para definir e implementar estratexias de mellora dialogadas cos axentes sociais.
Segundo indicou o conselleiro, estes datos evidencian unha realidade que un goberno responsable debe abordar con rigor e responsabilidade. Neste sentido, precisou que o obxectivo da Xunta non é en ningún caso cuestionar as baixas laborais —un dereito absolutamente lexítimo dos traballadores e traballadoras—, senón adoptar medidas que permitan reducir o seu impacto negativo reducindo as baixas evitables, reforzando a prevención de riscos laborais e o benestar no traballo, optimizando os procesos de xestión e control para evitar prolongacións innecesarias ou, tamén, loitando contra abusos.

Impulso ao Diálogo Social
Neste marco, o conselleiro puxo en valor o papel do Diálogo Social como ferramenta fundamental para analizar esta realidade, escoitando a empresarios e sindicatos e promovendo medidas eficaces desde o máximo respecto aos dereitos laborais.
Trátase, ademais, segundo destacou o titular de Emprego, dunha xornada especialmente relevante, xa que pola mañá o Consello da Xunta aprobou o decreto que regula a composición, organización e funcionamento desta mesa, co obxectivo de consolidala como ferramenta clave para afrontar retos estratéxicos e adaptarse ás novas realidades económicas e sociais. Esta institucionalización reforza o compromiso do Goberno galego co Diálogo Social como espazo de negociación colectiva, no que cuestións como o absentismo, o benestar laboral e a prevención de riscos deben ser abordadas coa participación de todos os axentes.
Plan integral de abordaxe do absentismo
Co paso dado hoxe, a Xunta avanzará no seo do Diálogo Social na elaboración dun plan integral para reducir o impacto do absentismo en Galicia, tal e como avanzou o presidente Rueda no Debate do Estado da Autonomía. Este programa, dentro das competencias autonómicas, terá como obxectivo mellorar o funcionamento do sistema e protexer os dereitos de empresas de traballadores.