O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria que incorpora melloras relevantes na simplificación administrativa e na axilización do procedemento, orientadas a facilitar a tramitación das axudas

O prazo de presentación de solicitudes destes apoios abrirá o 29 de abril e prolongarase ata o 29 de maio de 2026

Do total do orzamento, 24,4 M€ irán destinados ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras con discapacidade destes centros, cunha intensidade de axuda de entre o 50 % e o 65 % do SMI

Ademais, resérvanse 1,6 M€ para a contratación de arredor de 145 profesionais das unidades de apoio, que ofrecerán acompañamento especializado a preto de 900 persoas discapacitadas con maiores dificultades de inserción laboral

Prevé tamén axudas para a creación de novos postos de traballo indefinidos mediante incentivos que poden acadar ata 25.000 euros, con especial atención a colectivos prioritarios e a centros de traballo situados no rural

A orde inclúe así mesmo liñas para adaptar postos, eliminar barreiras e financiar asistencia técnica, consolidando así o compromiso da Xunta cun emprego inclusivo e de calidade, no marco da Estratexia galega da economía social Horizonte 2027

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar a inserción laboral das persoas con discapacidade en Galicia, cun orzamento inicial de máis de 27 M€. A medida permitirá apoiar a actividade dos 138 centros especiais de emprego (CEE) inscritos no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e contribuír ao mantemento de arredor de 6.600 postos de traballo, ademais de reforzar a atención e acompañamento ás persoas con maiores dificultades mediante a contratación de arredor de 145 profesionais que desenvolven o seu labor nas unidades de apoio.

A iniciativa, enmarcada na Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, consolida a aposta da Xunta por un emprego inclusivo, estable e de calidade, ao tempo que incorpora melloras relevantes na simplificación e axilización administrativa do procedemento, orientadas a facilitar a tramitación das axudas. De feito, na convocatoria anterior ampliouse o crédito inicial en máis de 4,2 M€, reforzando o respaldo da Xunta a estas entidades como pezas clave na integración laboral das persoas con discapacidade, contribuíndo á súa inclusión social e á mellora da súa autonomía persoal. Para esta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes destes apoios abrirá o 29 de abril e prolongarase ata o 29 de maio de 2026

Tres programas de apoio

A orde recolle tres programas de apoio específicos e tramitarase mediante procedemento de concorrencia non competitiva, cun período subvencionable do 1 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026. O Programa I, cun orzamento de preto de 1,6 M€, está dirixido a financiar os custos salariais e de Seguridade Social da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio dos centros especiais de emprego. Estes profesionais prestan acompañamento ás persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral. Estímase que estas axudas beneficien arredor de 145 profesionais, que atenderán preto de 900 persoas con discapacidade psíquica igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial igual ou superior ao 65 %.

O Programa II, dotado con máis de 1 M€, ten como finalidade impulsar a creación de emprego estable e reforzar as condicións laborais nos centros especiais de emprego. Para iso, abarca incentivos á contratación indefinida vinculados á realización de investimentos en activo fixo –como o acondicionamento de locais, a adquisición de maquinaria ou equipamentos informáticos— cunha contía base de 10.000 euros por cada posto creado a xornada completa, que poderá incrementarse ata un máximo de 25.000 euros cando a contratación se dirixa a colectivos prioritarios —como mulleres, persoas en risco de exclusión ou emigrantes retornados— ou cando o centro estea situado no medio rural. Ademais, inclúe apoios específicos para a adaptación de postos de traballo e a eliminación de barreiras arquitectónicas, cun límite de 1.800 euros por posto, así como axudas de asistencia técnica destinadas a apoiar a creación, o mantemento ou a mellora da xestión dos centros, cun máximo de 15.000 euros por entidade.

Pola súa banda, o Programa III é o de maior alcance económico, cunha dotación de 24,4 M€, e está dirixido ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras con discapacidade nos centros especiais de emprego. A intensidade das axudas situarase entre o 50 % e o 65 % do salario mínimo interprofesional, cun límite máximo de 2,9 M€ por centro solicitante e coa posibilidade de recibir anticipos do 100 % da contía concedida, garantindo así unha maior estabilidade financeira para estas entidades.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260417/AnuncioG0767-070426-0001_gl.html

Loading...