A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto organizado pola Fundación Laboral da Construción co gallo da súa incorporación á Rede de centros asociados de formación para o emprego da Xunta. Alí, puxo de relevo o papel da entidade á hora de dotar un sector económico fundamental como o da construción das ferramentas formativas que precisan tanto as persoas traballadoras en activo como as novas que se incorporan.
Nese senso, cómpre destacar que máis de 100 persoas desempregadas remataron a súa formación na Fundación Laboral da Construción dentro do acordo coa Xunta de Galicia, das que un 40 % están xa traballando en empresas do sector. Na actualidade, máis de 200 persoas desempregadas están formándose en accións formativas das familias de edificación e obra civil, máquinas electromecánicas e enerxías renovables, para as que está previsto lanzar un total de 840 prazas en dous anos.
