A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participa na apertura do Tour AB Talks baixo o lema Benestar laboral e alto rendemento empresarial, promovido polo Congreso Ágora Bienestar e Valorian
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Santiago na apertura do Tour AB Talks baixo o lema Benestar laboral e alto rendemento empresarial, promovido polo Congreso Ágora Bienestar e Valorian. Alí, destacou que a Xunta porá o foco no benestar laboral e na promoción de prácticas empresariais sostibles e responsables no marco da futura Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial. Nese senso, incidiu na importancia de que se propicien espazos como o de hoxe para que as empresas galegas compartan experiencias de cara a gañar en produtividade sen renunciar á retención do talento no contexto dunha sociedade máis xusta e centrada nas persoas.
A xerente sinalou que tanto a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: horizonte 2027 como o Plan de actuación do Issga para 2026 conteñen accións destinadas á mellora da xestión dos riscos psicosociais nas organizacións, con especial fincapé nos derivados das transicións dixital, ecolóxica e demográfica. Nesa dirección, salientan fitos como a campaña de dixitalización e prevención de riscos laborais que aborda aspectos como o tecnoestrés, o dereito á desconexión dixital e, en xeral, os factores de risco e medidas preventivas polo uso de dispositivos móbiles e plataformas dixitais.
A maiores, Quinzá-Torroja apuntou que se potenciará o Laboratorio de Riscos Psicosociais, creado no 2024 en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e que se configura como un espazo de traballo especializado na investigación, desenvolvemento e innovación sobre diferentes aspectos relativos á prevención de riscos laborais na procura de mellorar a saúde psicosocial das persoas traballadoras. Nese sentido, este ano traballarase para xerar e compartir coñecemento sobre a xestión do estrés laboral, estrés no traballo autónomo, burnout, resolución de conflitos, retorno ao traballo tras unha baixa, factores psicosociais en sectores feminizados, etc. Ademais impartirase o segundo curso de verán xunto coa USC que aborde estas realidades laborais. A isto sumarase, entre outras cuestións, o traballo nos grupos técnicos da nivel nacional dos riscos psicosociais nas empresas e as accións formativas e de sensibilización en liña coa campaña europea con horizonte 2028 baixo o lema Xuntos pola saúde mental no traballo.