O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitou hoxe esta empresa, beneficiaria das axudas deste ano dos programas Primeira Experiencia Profesional e Galicia Emprega

Pablo Fernández destacou que o programa autonómico Galicia Emprega, dotado nesta edición con preto de 20 M€, inclúe axudas específicas para promover a contratación das mulleres e a xente nova

En canto ao programa de Primeira Experiencia Profesional, lembrou que o Goberno galego subiu o seu orzamento en máis de 468.000€, acadando así un investimento total de 6,7 M€ en 2025 e a previsión de beneficiar 685 persoas mozas

Tamén salientou o potencial do colectivo de autónomos na comunidade e de Galicia como terra de oportunidades para o emprendemento, ámbito no que desenvolve un papel chave de asesoramento a Rede de polos, que conta con 15 oficinas

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe a empresa Pontecerca, beneficiaria das axudas deste ano dos programas Primeira Experiencia Profesional e Galicia Emprega. Alí Pablo Fernández puxo de relevo a aposta desta axencia de publicidade e consultoría de deseño web e márketing pola empregabilidade feminina e da mocidade.

Neste sentido, salientou que o Galicia Emprega, dotado nesta edición con preto de 20 M€, promove a contratación nas empresas de persoas desempregadas pertencentes aos colectivos prioritarios. De feito inclúe axudas específicas para incentivar a empregabilidade das mulleres. Neste sentido, 7 M€ están dirixidos a promover a contratación de mulleres e 1,7 M€ para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados. Este programa tamén abarca apoios por valor de 3,5 M€ para incentivar o emprego da xente moza -Galicia Emprega Moz@s-.

En relación co outro programa do que é beneficiario Pontecerca, o de Primeira Experiencia Profesional, Pablo Fernández lembrou que a Xunta ampliou o seu orzamento en máis de 468.000 euros, acadando así un investimento total de 6,7 millóns de euros en 2025 para ampliar o seu impacto. Con este reforzo no orzamento prevese que o programa beneficie a 685 persoas mozas, fronte ás 460 da edición anterior, co obxectivo de reter talento xuvenil en Galicia e dar resposta á crecente demanda de persoal cualificado no tecido empresarial.

De feito, a finalidade deste programa é incentivar a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos de doce meses, facilitando a súa inserción laboral e dotándoos das competencias necesarias para acceder a empregos estables e de calidade. Esta medidas, xunto con outras como o Galicia Emprega Moz@s forman parte da futura Estratexia Mocidade Activa, que mobilizará máis de 20 millóns de euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Ademais, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais lembrou que as convocatorias de Primeira Experiencia Profesional e de Galicia Emprega están abertas ata o 30 de setembro.

Aposta polo emprendemento

Na visita Pablo Fernández tamén sinalou que negocios como Pontecerca reflicten o potencial do colectivo de autónomos na comunidade e de Galicia como terra de oportunidades para o emprendemento. Neste eido salientou a función clave de asesoramento gratuíto da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia nas que se levan atendido máis de 4.500 proxectos e que é unha das medidas que levaron a comunidade galega a recibir o premio Rexión Emprendedora Europea 2025.

Loading...