O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á Mancomunidade de Concellos do Ribeiro para clausurar o obradoiro de emprego ‘Ribeiro Formación’ no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investiu 537.046 euros en formar 20 alumnos – traballadores nos módulos de Actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes (10) e Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas (10)

O delegado territorial manifestou que este tipo de obradoiros teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Manuel Pardo lembrou esta mañá que a Xunta destinou 11.149.170 euros á posta en marcha de 27 obradoiros duais de emprego que beneficiarán 536 participantes de 66 concellos e catro mancomunidades da provincia de Ourense.

O representante do Goberno galego destacou que a formación que se impartiu nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación. O representante do Goberno galego felicitou aos participantes: “porque agora dispoñedes dunha formación que vos faculta profesionalmente e seravos máis doado atopar un emprego”.

“Con estes obradoiros -proseguiu o delegado territorial-  a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos”.

Manuel Pardo concluíu que, “todos somos conscientes de que canto maior sexa a cualificación e as competencias dos nosos traballadores, maiores son as posibilidades de acceso ao mercado de traballo”, e polo tanto, a Xunta seguirá apostando polos obradoiros “como ferramenta para promover a inserción laboral”.

Accións desenvolvidas polo obradoiro de emprego ‘Ribeiro Formación’

Os 20 alumnos – traballadores do obradoiro de emprego ‘Ribeiro Formación’ desenvolveron as súas actuacións nos concellos da Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro.

No concello da Arnoia desenvolveron tarefas de acondicionamento do espazo no contorno da Casa do Concello de Arnoia e traballos de silvicultura e acondicionamento de sendeiros no monte dos Chaos.

No concello de Beade levaron a cabo o acondicionamento de local municipal en Beade e realizaron traballos de acondicionamento de sendeiros e espazos públicos.

No concello de Cenlle acondicionaron o lavadoiro de Pazos Ermos.

No concello de Cortegada levaron a cabo obras de rehabilitación da fonte lavadoiro na Decolada; de limpeza e axardinamento no parque empresarial da Cancela; e traballos de desbroce da área recreativa de Picoñas e do Campo da Feira.

No concello de Leiro acondicionaron a planta alta centro social en Paredes; arranxaron as fontes de Churide en Vieite, de Osebe en Lebosende e de Orega; e desenvolveron tarefas de mantemento dos camiños de Néboas Boas no lugar de Lebosende, de Rubial-Vilaverde-Berán-Orega-Paredes, do Chamadoiro no lugar de Nogueira, de Muíños no lugar de Corneira, e de Serantes-Balboa na Parroquia de Lamas.

Loading...