No marco da recente creación, por parte da Xunta, da Rede de Promoción da Saúde na Poboación Xitana, a Consellería de Sanidade vén de celebrar esta semana unha xornada de formación en programas de estilos de vida saudables para as sete mulleres de etnia xitana designadas como promotoras de saúde na comunidade.

A xornada estivo organizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano. Nela, profesionais destacados no ámbito da saúde pública presentaron a estas sete mulleres, unha por cada área sanitaria, ferramentas e programas desenvoltos en materia de promoción da saúde, que lles servirán de axuda para o seu traballo coa poboación da súa contorna de influencia.

A Rede de promoción da saúde na poboación xitana ten por obxectivo reducir as desigualdades en saúde que afectan a este colectivo, así como mellorar a súa calidade de vida e fomentar a participación comunitaria na promoción de estilos de vida saudables.

Polo tanto, no marco desta iniciativa innovadora do Goberno galego, estas sete mulleres xa están a recibir formación especializada para actuar como mediadoras entre as institucións sanitarias e as súas comunidades, aproveitando a súa influencia dentro das familias e os seus círculos sociais.

Estas promotoras de saúde van ser as encargadas de liderar o cambio en aspectos como a alimentación saudable, a actividade física, a prevención do tabaquismo e outras condutas de risco.

Este proxecto está cofinanciado nun 60% pola Unión Europea a través do programa Fondo Social Europeo+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa  máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais.

Loading...