Galicia insiste ao Goberno central na necesidade de que flexibilice os fondos de formación para o emprego e que teña en conta as particularidades e singularidades de cada Comunidade Autónoma á hora de fixar os criterios de distribución, máxime cando son as autonomías as que teñen as competencias exclusivas nas políticas activas de emprego.
Así quedou patente hoxe na Conferencia Sectorial de Formación Profesional para persoas traballadoras, na que participou por videoconferencia o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado. Neste encontro abórdase a distribución territorial deste ano de fondos xestionados polas comunidades autónomas no marco dos Programas de cooperación territorial para as accións formativas destinadas a persoas traballadoras por medio da cal Galicia recibe un total de 72 millóns de euros.
No marco deste reparto, a comunidade galega obtén 7 millóns de euros adicionais grazas ao seu bo nivel de execución dos fondos, sendo a única que solicitou ao Goberno central a ampliación de crédito para este fin. Esta cantidade, expuxo o titular de Emprego en declaracións previas ao encontro, destinarase a ampliar e potenciar os convenios actuais con clústeres de sectores como o naval, o metal, a automoción, as enerxías renovables, o comercio, a construción, as novas tecnoloxías, a loxística e o ámbito da perruquería e estética e a través desta acción a Xunta de Galicia prevé capacitar con microformacións e da man das empresas a máis de 7.200 persoas en sectores estratéxicos para a transición ecolóxica.
Deste xeito, engadiu José González, o Goberno galego avanza no gran esforzo que está a facer para impulsar as microformacións e con elas a empregabilidade. Unha empregabilidade, subliñou, adaptada ás demandas e ás realidades das empresas e do mercado laboral, pois na configuración destas formacións de curta duración a Xunta sempre vai da súa man para ser máis áxiles e afinar a oferta formativa para desempregados e traballadores que buscan unha recapacitación ou reciclaxe. Estas accións facilitan o establecemento de itinerarios que procuran ofrecer formación práctica e nos que xa participaron máis de 40.400 alumnas e alumnos.
Aposta polas microformacións
Para a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é unha prioridade axustar as políticas activas de emprego ás necesidades reais do mercado laboral, ofrecendo formación adaptada e flexible que favoreza a empregabilidade e cubra a demanda real de man de obra, un escenario no que xogan un papel vital as microformacións e microcredenciais.
Ademais dos convenios cos clústeres, dentro desta aposta o Goberno galego tamén se inclúe a convocatoria de axudas pioneira por valor de 4M€ e destinada especificamente ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas. Outra medida é a creación dunha rede pioneira de centros asociados de formación para o emprego co fin de garantir unha maior adaptación ás necesidades das empresas e impartir a persoas desempregadas formación profesional das especialidades máis demandadas.