A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, clausurou este mediodía a xornada Arraigo para a formación. Oportunidades no sector da construción de Galicia, organizada pola Fundación Laboral da Construción. Alí destacou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración asinará en breve senllos convenios con Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo e a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia cunha achega autonómica de case 1 millón de euros. O obxectivo é dar continuidade ao programa de arraigamento para a formación dirixido a persoas migrantes en situación irregular que deu comezo o ano pasado de xeito pioneiro, tamén impulsando microformacións para cubrir as vacantes laborais existentes no eido da construción.
Tras ter beneficiado con estas mesmas tres entidades máis de 100 persoas -das que o 100% das que recibiron microformacións a través de case 60 cursos conseguiron permiso de residencia e arredor dun 70% acadaron un traballo indefinido-, o obxectivo agora é chegar deica finais do ano que vén aos 145 migrantes con autorización de residencia e de traballo que faciliten a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral, como é o caso da construción.
Así, poderase -por un lado- obter persoal coa formación necesaria para cubrir postos que ofertan as empresas e -por outro- incorporar ao mercado laboral persoas que se atopan traballando de maneira precaria ou directamente irregular.
Nese senso, cómpre sinalar que os empregos que se cubriron grazas á primeira edición do programa estaban relacionados cos contidos impartidos nun total de 59 accións realizadas nas catro provincias, centradas en eidos como a construción, o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a gandaría, a produción agroalimentaria, a limpeza, o mantemento de maquinaria ou a beleza, entre outros. No campo concreto da construción, tocáronse cuestións como operación básicas, auxiliares ou de apoio na construción; reformas de interiores, revestimentos e cubertas de inmobles; operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas; operacións auxiliares de revestimento e pintura ou carpintería metálica e aluminio.
Desenvolvemento dos convenios
A directora xeral destacou que se poderán beneficiar dos novos convenios persoas en situación irregular en España, cunha permanencia mínima de dous anos no país, sen antecedentes penais e que se comprometan a realizar unha formación das establecidas, para poder obter unha autorización de residencia e, posteriormente, unha autorización de residencia e de traballo. Este ano, como novidade, non se esixirá como requisito a inscrición previa con tres meses de antigüidade no padrón en Galicia.
O proxecto consta dun itinerario de arraigamento para a formación que arrancará coa captación de potenciais participantes, coa prospección empresarial para determinar ámbitos de formación con máis posibilidades de inserción laboral e coa selección de beneficiarios. Despois, elaboraranse itinerarios individualizados nos que deberán incluírse accións de diagnose, deseño, seguimento e acompañamento, así como de adquisición e/ou fortalecemento de capacidades para o acceso e permanencia no mercado laboral.
Seguidamente, o proxecto contempla formación para obter autorización de arraigamento para a formación segundo os resultados da prospección empresarial, incluíndo tamén -como novidade- contidos a prol da igualdade entre homes e mulleres e a posibilidade de financiar o permiso de conducir clase B ás persoas que poidan precisalo para aumentar as súas oportunidades laborais. Por último, a inserción laboral dos participantes deberá producirse a través dun contrato de traballo relacionado coa familia profesional da formación recibida e acreditada no arraigamento para a formación, contemplándose o acompañamento e seguimento individualizados durante todo o proceso.