O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe o concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, beneficiario dunha axuda superior aos 48.000 euros que permitiu a contratación este ano dun total de tres persoas para levar a cabo tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais. Alí, en compañía do alcalde, Jorge Cubela, destacou que en toda Galicia a Xunta investiu case 8,8 millóns de euros para posibilitar que 534 persoas desempregadas fosen contratadas en preto de 300 municipios e se estean a dedicar a este cometido primordial especialmente no verán.  

Segundo explicou o secretario xeral, o programa Aprol Rural está dirixido a que concellos rurais, ben de maneira individual ou conxunta, promovan a contratación de traballadores para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios forestais nas faixas secundarias. En concreto, contémplase a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa.

A efectos de seren beneficiarios, esta orde considera concellos rurais todos os galegos, agás os de Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Con carácter xeral outórgase a subvención para un contrato nos concellos, aínda que as prazas con apoio poden chegar a catro atendendo a que a solicitude a realicen entidades fusionadas -como é o caso de Cerdedo-Cotobade- ou municipios emprendedores.

En concreto, as achegas dan cobertura aos custos salariais totais das persoas incorporadas, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada cuns máximos establecidos en función dos grupos de cotización á Seguridade Social que correspondan á categoría profesional dos traballadores e traballadoras a contratar.

Loading...