A Xunta está a reforzar a súa aposta polas microformacións, considerando absolutamente estratéxico impulsar estes modelos de experiencias curtas de aprendizaxe co obxectivo de flexibilizar a formación para o emprego e atender a dous propósitos fundamentais: atender ás necesidades específicas das empresas galegas e reforzar as competencias e habilidades dos traballadores.
Para iso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta coas axudas da segunda convocatoria do programa Bono Talento Empresa, que se publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dotado con dous millóns de euros. Con esta iniciativa fináncianse estas formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e tendo moi en conta a esixencia dunha formación profesional permanente e especializada e de recualificación constante das persoas traballadoras en activo. As solicitudes poden presentarse desde mañá e ata o vindeiro 16 de setembro.
O reto desta convocatoria, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, é favorecer a competitividade das empresas galegas e promover o talento dos seus traballadores, garantindo un desenvolvemento profesional no seo desa organización como unha vía de fidelización do talento.
Para reforzar o programa, os traballadores de calquera empresa galega poderán beneficiarse desta iniciativa de microformación “á carta” xa que nesta convocatoria, ademais de microempresas, pequenas empresas e autónomos que teñan contratados a persoal por conta allea, tamén poderán optar, como novidade, medianas e grandes empresas -o importe subvencionable dependerá do tamaño da firma, ata un máximo de 25.000 euros por entidade-.
Esta actuación, que segue as directrices da UE neste ámbito, enmárcase na Axenda galega de capacidades para o emprego da Xunta e estímase que, nesta edición, alcance o milleiro de alumnos e un centenar de empresas galegas beneficiarias. Para chegar a máis empresas e autónomos, avánzase na flexibilización da presentación da documentación para facerlles máis áxil e doado o trámite da solicitude.
Precisamente, esta iniciativa da Xunta destaca pola súa ductilidade, ao pretender dotar da máxima flexibilidade ás microformacións financiadas a partir das solicitudes das empresas. Por iso, estes proxectos formativos -compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas- poderán ser adaptados a nivel de contidos, programas ou persoal docente das propias accións ás necesidades específicas de cada solicitante.
A través de ferramentas como as microformacións, Galicia avoga por unha formación adecuada ás necesidades dun mercado laboral en constante cambio e enfocada nas demandas do noso tecido produtivo. Por iso, o novo Plan Galego de Formación para o Emprego 2024 está dotado con máis de 117 millóns, un 12,9% máis que no exercicio anterior para continuar impulsando unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo e ao mercado laboral.
Ligazón á convocatoria no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240625/AnuncioG0767-130624-0001_gl.html