Valga (Pontevedra), 29 de maio de 2024
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou a importancia de que as empresas aposten pola formación de talento novo no emprego e remarcou o compromiso da Xunta coa formación de capital humano.
Así o explicou hoxe durante a visita ás instalacións de Urovesa en Valga, onde participou na inauguración do novo centro de formación e na entrega de diplomas dos estudantes que remataron a primeira edición. Uns cursos que forman parte das axudas do programa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dirixidas a apoiar nas empresas unha formación á carta dos perfís que precisen cun compromiso de contratación. A convocatoria deste ano conta cun investimento de 8 millóns de euros, que a Xunta quere reforzar na súa aposta por unha formación flexible adaptada ás necesidades do tecido empresarial.
No acto, o presidente encomiou o labor desta empresa nos seus corenta años de vida, á que destacou como un exemplo de prestixio e bo facer. Salientou a importancia de que “nun concello pequeno, aquí, nunha esquina de España, haxa unha empresa destas características, con este prestixio, capaz de competir cos mellores e gañar”.
Na súa intervención, o presidente puxo en valor o bo momento de internacionalización das empresas galegas, despois dun 2023 que supuxo un novo ano récord no que as exportacións de Galicia superaron por primeira vez os 30.000 M€. Neste sentido, salientou o potencial de Urovesa como exemplo de empresa de interese para toda a comunidade, xa que “a Galicia lle interesa moitísimo un emprego industrial de calidade, consolidando e en proceso de medrar”.
Para finalizar, Rueda asegurou o potencial de Urovesa e recalcou o apoio da Xunta ao talento novo: “entrades nunha empresa de prestixio que non vai facer outra cousa que medrar. E nós estaremos ao lado para velo e sentirnos orgullosos”.