Esta iniciativa permitirá reunir nun único espazo toda a información relativa a programas, servizos e axudas dirixidas á xuventude

A representante da Consellería de Xuventude pon en valor a importancia desta “iniciativa novidosa para que a xente nova coñeza as súas oportunidades profesionais, de mobilidade, de emprendemento ou de vivenda”

Esta nova ferramenta estará dispoñible en Espazos Xoves e residencias xuvenís, ademais de nas oficinas de emprego

A Xunta de Galicia porá en marcha 70 Puntos Xove por toda Galicia para orientar e informar a mocidade galega sobre as súas oportunidades laborais e persoais. Así o deron a coñecer hoxe as directoras xerais de Xuventude, Lara Meneses, e de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, nunha visita á oficina de emprego de Monelos na Coruña, onde explicaron que se trata dunha rede pioneira que permitirá reunir nun único espazo toda a información relativa a programas, servizos e axudas dirixidas á mocidade.

Neste marco, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que estes paneis informativos contarán cunha plataforma física con conexión a internet e permitirá visibilizar a información, orientar o primeiro acceso e derivar aos servizos xa dispoñibles. “Trátase dunha medida novidosa para achegar á mocidade os recursos máis axeitados ás súas necesidades, relacionados coa formación, coa orientación profesional, a empregabilidade, a mobilidade, o emprendemento ou a vivenda”, explicou Meneses, “coa que seguimos á vangarda no apoio á xuventude galega”.

A Xunta pon en marcha 70 Puntos Xove en toda Galicia para orientar e informar a mocidade galega

Pola súa banda, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego puxo en valor os recursos do Servizo Público de Emprego de Galicia a disposición da mocidade, como a aplicación móbil da ferramenta de intelixencia artificial EMi, que lles permite realizar os seus propios perfilados competenciais de cara a mellorar as súas oportunidades laborais. Tamén o simulador de entrevistas con IA, concibido para aumentar as posibilidades de éxito á hora de presentarse a unha oferta de traballo.

O novo recurso presentado hoxe estará dispoñible nas oficinas de emprego, Espazos Xoves e residencias xuvenís, sumando un total de 70 Puntos Xove. A través deles, poderanse xestionar iniciativas na Oficina Virtual de Asesoramento e Orientación para Xuventude, trasladar consultas especializadas a través dunha canle de comunicación, conectar directamente coa Administración ou consultar o Mapa de Recursos para a Xuventude, no que inclúen axudas, programas e servizos de interese xuvenil.

A Xunta pon en marcha 70 Puntos Xove en toda Galicia para orientar e informar a mocidade galega

Loading...