Subliña o impulso que supón a apertura da trixésima instalación para a Denominación de Orixe Monterrei

Destaca que a viticultura é un motor económico clave en moitas comarcas e que xoga un papel crucial na xestión do territorio, polo que o Goberno galego apoia anualmente ao sector con 12 M€

 

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel do enoturismo como unha ferramenta clave para potenciar un modelo turístico de calidade, respectuoso coa contorna e que achega un valor engadido real a todo o territorio.

Así o asegurou, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José Gonzalez, e pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a inauguración da adega-restaurante Father 1943 e Paisana. Unha iniciativa impulsada polos irmáns Asunción e Ernesto Rodríguez Zarraquiños na parroquia verinesa de Vilamaior, a cal se converte na trixésima adega da Denominación de Orixe Monterrei.

Neste sentido, Rueda puxo en valor o esforzo dos promotores por revitalizar o territorio a través de iniciativas que conxugan a tradición patrimonial coa vangarda tecnolóxica, ao tempo que subliñou que este tipo de proxectos representan o máximo expoñente da Galicia Calidade a nivel global.

O presidente da Xunta lembrou os excelentes datos da DO Monterrei, que vén de acadar, na vendima do ano pasado, o seu récord histórico con máis de 8 millóns de quilos de uva recolleitados e un valor económico que supera os 25 millóns de euros.

Así, sinalou que a actividade vitivinícola resulta, ademais dun motor económico fundamental para moitas comarcas, crucial para unha axeitada xestión do territorio, contribuíndo, por exemplo, á prevención de lumes forestais. Por este motivo, referendou o compromiso do Goberno galego co sector e co desenvolvemento do rural, lembrando as convocatorias anuais de axudas cun investimento de 12 millóns de euros para potenciar a internacionalización, a modernización e a sustentabilidade das adegas e dos consellos reguladores galegos.

Loading...