A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Concello de Moeche, onde se contratou un traballador grazas á pasada edición desta orde
Esta convocatoria de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a Concellos e a organismos intermedios sen ánimo de lucro conta este ano cun orzamento de 6,5 M€
Estas achegas están destinadas a subvencionar a inserción laboral de persoas desempregadas de entre 18 e 29 anos
A Xunta apoiou o ano pasado a contratación de 12 persoas mozas desempregadas en 9 Concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal con cargo ás axudas do Programa de Garantía Xuvenil da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a un destes traballadores contratado polo Concello de Moeche.
Durante a visita, Aneiros recordou que a actual convocatoria destas axudas está aberta ata o 13 de xullo e conta, ademais, cun orzamento de 6,5 M€, cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, cos que o Goberno galego busca “incentivar a contratación, en xornada completa, de persoas mozas, de entre 18 e 29 anos, desempregadas tanto en entidades locais como en organismos intermedios sen ánimo de lucro”, apuntou. É requisito que estas persoas sexan beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Cada contrato terá unha duración mínima de 9 meses, e a subvención por persoa contratada poderá ir dende os 16.902,64 ata os 23.606,03 euros segundo o grupo de cotización. No caso do Concello de Moeche, a axuda recibida foi de preto de 16.400 euros. O conxunto recibido polos municipios beneficiarios da Delegación en 2025 superou o millón de euros.
Este programa forma parte da aposta do Goberno galego para fomentar o emprego xuvenil, na que se inclúen outras medidas como o programa de primeira experiencia profesional. Esta iniciativa tamén ten a súa convocatoria de 2026 aberta, dotada con máis de 8,7 M€ coa previsión de beneficiar en total máis de 520 persoas desempregadas, poñendo o foco na retención do talento mozo e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos. Esta edición inclúe como novidade unha nova liña de axudas para a formación de aprendices en oficios tradicionais, por 1 millón de euros.