O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria 2026 destas achegas dirixidas a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades sen ánimo de lucro por un valor global de preto de 1,3 M€

A liña de conciliación concentra a maior parte dos apoios, con 201 axudas concedidas para impulsar o teletraballo, a flexibilidade horaria e a adquisición de equipamento tecnolóxico para a súa implantación efectiva

Ademais, concédense 15 axudas para a elaboración e implantación de plans de igualdade e 40 para facilitar a obtención de certificacións de responsabilidade social empresarial, incluída por primeira vez a certificación en benestar laboral

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria 2026 das axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinadas a promover a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a responsabilidade social empresarial (RSE). A resolución supón a concesión de preto de 1,3 M€ a través de preto de 260 achegas concedidas a empresas, persoas traballadoras autónomas con persoal contratado e entidades sen ánimo de lucro, reforzando o compromiso do Goberno galego cun mercado laboral máis igualitario, flexible e socialmente responsable.

As axudas estrutúranse en tres liñas de apoio. A primeira, destinada á elaboración e implantación de plans de igualdade, permitirá apoiar 15 entidades, cun importe concedido de máis de 51.100 euros. Estas axudas están orientadas á contratación de persoal experto en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, a cubrir gastos da propia elaboración do plan e á implantación das medidas contidas nel.

A segunda liña, con foco na conciliación da vida laboral, familiar e persoal, concentra o maior volume de apoios. No ámbito do teletraballo concédense 82 axudas por un importe de 410.000 euros, mentres que para a implantación de medidas de flexibilidade horaria se aproban 76 solicitudes, que suman 642.000 euros. Ademais, concédense 43 subvencións para a adquisición de equipamentos tecnolóxicos que faciliten o traballo a distancia, cun importe de arredor de 100.000 euros.

Finalmente, a terceira liña permitirá apoiar 40 entidades na obtención de certificacións en materia de responsabilidade social empresarial, cun importe concedido de máis de 70.100 euros. Entre estas certificacións inclúese por primeira vez a de Benestar Laboral, incorporada nesta convocatoria en consonancia coa futura Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial.

O prazo de execución das medidas apoiadas remata o vindeiro 31 de outubro de 2026.

Compromiso da Xunta

Estas axudas complétanse con outras iniciativas impulsadas pola Xunta para promover a igualdade laboral e a RSE, como o Campus en liña de igualdade laboral — unha plataforma de formación gratuíta dirixida á sensibilización e capacitación en igualdade efectiva no ámbito do traballo— ou o programa Que non te líen, ti elixes —impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a prol da libre elección de profesión sen estereotipos de xénero—.

Tamén salienta Responsabilízate, unha iniciativa pioneira en España de asesoramento personalizado e gratuíto a prol da sustentabilidade da que xa se teñen beneficiado case 700 pemes e que reforza na súa quinta edición a aposta polo benestar laboral.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260706/AnuncioG0767-260626-0001_gl.htm

Loading...