José González lembra que os inmobles rehabilitados deben alugarse ou cederse a persoas traballadoras, non podendo situarse a máis de 15 km do centro de traballo e primándose os casos relacionados con eidos estratéxicos como o agroalimentario

Fai fincapé en que a orde está orientada aos concellos de menos de 20.000 habitantes, tendo prioridade os de menos de 5.000, que son maioría na provincia de Lugo

Con axudas máximas de ata o 95 % do orzamento da rehabilitación, apunta que existe unha primeira liña dirixida a empresas e a persoas físicas ou xurídicas, e unha segunda para municipios, coa finalidade de dar unha nova vida ás vivendas baleiras

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo hoxe —nas instalacións lucenses de Unións Agrarias— un encontro con representantes empresariais e de entidades interesadas na nova convocatoria de impulso á rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras. Na xornada, na que tamén interviñeron o secretario xeral de UUAA, Roberto García, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, o conselleiro animou a solicitar as achegas antes do día 15 deste mes de xullo, que é cando remata o prazo. Fixo fincapé en que están concibidas para garantir a cobertura de vacantes especialmente en sectores estratéxicos como o agroalimentario, ao tempo que se aposta por fixar poboación dando unha nova vida a vivendas baleiras en concellos de menos de 20.000 habitantes, que son maioría —dixo— na provincia de Lugo.

Segundo explicou, a orde conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten dúas liñas: a primeira dirixida a empresas e a persoas físicas ou xurídicas, e a segunda destinada a concellos de menos de 20.000 habitantes, con axudas máximas previstas de ata o 95 % do orzamento da rehabilitación. Se se rehabilita unha vivenda unifamiliar, a cantidade máxima será de 50.000 € se solicitan a axuda empresas ou persoas físicas, e de 75.000 € no caso de concellos. Se se trata de edificios residenciais colectivos inacabados ou en situación de esqueleto inmobiliario, a contía non poderá superar os 30.000 € por cada unha das vivendas do inmoble, nin a cantidade global para todo o conxunto dos 300.000 €.

No marco das dúas liñas de axudas existentes, a orde contempla tamén dúas posibilidades. A primeira, que as empresas con centros de traballo en Galicia sexan as propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do uso das vivendas por un prazo mínimo de 10 anos e decidan rehabilitalas para destinalas á residencia habitual das súas persoas traballadoras, contribuíndo así á cobertura das súas propias vacantes. A segunda, que esas empresas cheguen a acordo cunha ou varias persoas propietarias de vivendas da zona, ou mesmo con concellos, para que sexan eles quen se encarguen de rehabilitar os inmobles en beneficio último dos traballadores desas empresas.

Deste xeito, González destacou que os inmobles deben ser para persoas traballadoras, en réxime de alugueiro ou de cesión de uso. Non poderán estar situados a unha distancia superior a 15 quilómetros do centro de traballo onde estea contratada a persoa destinataria final, sempre nun concello con menos de 20.000 habitantes, primándose os municipios con menos de 5.000 persoas, que tamén son maioría na provincia de Lugo.

Puntuación das solicitudes

Segundo apuntou o titular de Emprego, ao analizar as solicitudes terase en conta tanto a distancia entre a vivenda e o traballo como a existente ata unha parada de transporte público ou ata unha vía de alta capacidade. A maiores, darase prioridade ás vivendas dirixidas a persoas que traballen en sectores estratéxicos como o agroalimentario, pero tamén na automoción, naval, metalmecánico, téxtil-moda, TIC e industrias culturais, así como as actividades pesqueiras, forestais ou de coidados de maiores. Á hora de puntuar as solicitudes, valorarase así mesmo a sostibilidade das rehabilitacións.

José González concluíu aludindo ás novas axudas como unha orde sen precedentes, que permite avanzar na cobertura de vacantes laborais por parte do tecido produtivo proporcionándolles ás persoas traballadoras o acceso á vivenda imprescindible para que poidan aceptar un emprego e establecerse con todas as garantías. Tanto á forza laboral interna, dixo, como á exterior necesaria para seguir avanzando no encaixe de oferta e demanda que redunde no desenvolvemento económico de Galicia.

Loading...