O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración presidiu a quinta reunión técnica do grupo de traballo creado para definir as accións neste eido e na que participaron representantes da Consellería de Sanidade
As medidas autonómicas no ámbito sanitario buscan apoiar os profesionais que xestionan os procesos de incapacidade temporal, facer máis eficiente a xestión das baixas laborais e acadar unha pronta recuperación das persoas traballadoras
Ademais das xa postas en marcha, están previstas unidades especializadas para os procesos de maior incidencia, que son os de patoloxías músculo-esqueléticas e psiquiatría menor, pois representan o 61 % dos procesos activos
Con esta reunión séguese avanzando en novas actuacións a prol do benestar laboral e para reducir o impacto do absentismo para incluílas no futuro plan integral sobre esta cuestión, do que se prevé contar cun borrador na primeira quincena de xullo
O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, presidiu esta semana a quinta reunión técnica do grupo de traballo de Mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo en Galicia que forma parte da Mesa do Diálogo Social. Nela tamén participaron representantes da Consellería de Sanidade —entre eles a secretaria xeral técnica, Natalia Lobato— que expuxeron as medidas xa postas en marcha e outras que se prevén adoptar no futuro e que se incorporarán ao plan integral de mellora do benestar laboral e de redución do impacto do absentismo.
Neste sentido, os representantes da Consellería de Sanidade puxeron de relevo que as medidas adoptadas no ámbito sanitario teñen como finalidade apoiar aos profesionais que xestionan e controlan os procesos de incapacidade temporal —principalmente os médicos de primaria e o persoal inspector— e acadar unha pronta atención e recuperación das persoas traballadoras.
Unha delas é a emisión de partes de baixa por parte dos servizos de admisión dos hospitais, para o caso dos pacientes ingresados e cunha cirurxía programada. A maiores, recentemente reforzouse a inspección médica do sistema de saúde de Galicia, incorporando 18 novos profesionais.
Tamén se modificou o procedemento de autorización de probas e tratamentos por parte das mutuas, coa finalidade de que non teñan que tramitar unha solicitude individual por cada actuación, senón que unha soa habilite todas as probas e tratamentos precisos, sempre coa autorización do paciente, o que supón unha importante medida de desburocratización. Nesta mesma liña, tamén se cambiou a instrución pola que se establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal polos inspectores médicos e subinspectores sanitarios das unidades de inspección e control da saúde laboral.
Medida para os procesos de maior incidencia
Xunto ao anterior, está previsto que a Consellería de Sanidade conte con unidades especializadas para os procesos de maior incidencia, que son os de patoloxías músculo-esqueléticas e psiquiatría menor, representando estas dúas categorías o 61 % do total dos procesos activos. En concreto, no primeiro caso superan os 22.000, mentres que no segundo —os procesos de saúde mental derivados de trastornos de psiquiatría menor— roldan os 15.000.
O Diálogo Social como marco clave
Esta xuntanza enmárcase no labor que está a facer o Goberno galego cos axentes sociais no marco do Diálogo Social. Neste espazo estase avanzando en novas actuacións para mellorar o benestar laboral e reducir o impacto do absentismo co fin de incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión, do que se prevé contar cun borrador na primeira quincena de xullo para aprobalo durante ese mes e comezar a aplicar as medidas o antes posible. A finalidade é buscar o consenso de todas as partes implicadas respectando en todo momento os dereitos das persoas traballadoras.
A esta reunión precedéronlle outras con distintos axentes implicados, entre eles relacionados coa seguridade e saúde no traballo, enfermería do traballo, recursos humanos de empresas galegas e graduados sociais. Ademais, está previsto que na próxima xuntanza do grupo de traballo participen representantes das mutuas e da inspección da Seguridade Social. Todo isto tendo en conta que o absentismo laboral é unha realidade multifactorial cun elevado impacto no conxunto da economía e que implica a distintas administracións, tanto as autonómicas como o Goberno central —que ten a competencia exclusiva sobre os procesos de incapacidade temporal de máis de 365 días—.