O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova orde de ES-Transforma e con axudas de ata 46.000 € e incentivos no rural, para fomentar a pervivencia no territorio de empresas viables mediante a súa conversión en entidades de economía social
Deste xeito, o programa apoia que as persoas traballadoras asuman a xestión das súas empresas a través destas fórmulas no caso de cesamento de actividade por causas como xubilación, incapacidade ou falecemento da persoa titular
Así mesmo, foméntase tamén a unión de persoas traballadoras autónomas en cooperativas ou sociedades laborais, reforzando a súa capacidade económica e financeira e a súa fortaleza empresarial
As entidades beneficiarias poderán acceder a anticipos de ata o 80% co fin de facilitar o financiamento inicial dos proxectos, no marco dun modelo que xera emprego de calidade e impacto no territorio
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 1 de xullo e prolongarase ata o 15 de setembro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas de ES-Transforma deste ano, dotada con máis de 2,3 M€, e destinada a impulsar a creación de cooperativas e sociedades laborais. Deste xeito, busca facilitar a continuidade de negocios sen remuda xeracional e favorecer novas iniciativas de emprendemento colectivo no marco da economía social, ofrecendo así unha alternativa sólida de emprego estable e con arraigamento no territorio.
Ademais, co obxectivo de achegar maior axilidade ao financiamento destes proxectos, as entidades beneficiarias poderán percibir anticipos de ata o 80% da axuda concedida, facilitando a posta en marcha e consolidación das iniciativas. Trátase dun modelo que, ademais de xerar emprego de calidade, contribúe a fixar actividade económica e a mellorar o benestar social.
As achegas poderán acadar os 46.000 euros por entidade, incluídos os incentivos adicionais —entre outros supostos— para proxectos que se desenvolvan no rural. A convocatoria diríxese, en particular, a persoas desempregadas que, tras o cesamento de actividade da súa empresa por xubilación, incapacidade ou falecemento da persoa titular, opten por continuar coa actividade mediante a constitución dunha cooperativa ou sociedade laboral.
Así mesmo, foméntase a unión de persoas traballadoras autónomas con actividade económica preexistente nestas fórmulas —reforzando a súa capacidade económica e financeira—, así como a implicación directa dos cadros de persoal na continuidade das empresas, favorecendo que sexan as propias persoas traballadoras quen asuman a titularidade e acheguen o seu coñecemento e experiencia á xestión.
Detalles da convocatoria
As axudas están dirixidas a cooperativas e sociedades laborais creadas nos tres anos anteriores á presentación da solicitude, nos supostos xa indicados. O programa subvenciona ata o 80 % dos custos no caso de iniciativas por ausencia de remuda xeracional e ata o 60% para as promovidas por persoas autónomas ou mediante transformación de sociedades, cun máximo de 46.000 euros por entidade. O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 1 de xullo e prolongarase ata o 15 de setembro de 2026.
Entre os conceptos subvencionables inclúense gastos de asesoramento legal, rexistro, notarías e informes; desenvolvemento da imaxe corporativa; certificacións de calidade; accións de marketing e comunicación; ou plans de protección de datos. Tamén se apoian investimentos en equipamento informático, desenvolvemento web, eficiencia enerxética, reformas e mobiliario de locais ou elementos de transporte. A contía poderá incrementarse en 2.000 euros en supostos como a localización no rural, a participación maioritaria de mulleres ou en sectores onde estean subrepresentadas, así como a presenza maioritaria de persoas menores de 30 anos, maiores de 45, emigrantes retornadas, con discapacidade ou persoas trans.
Economía social para manter e crear emprego
Deste xeito, a Xunta reforza a actividade económica e o emprendemento ligado ao territorio, ao tempo que consolida a economía social como unha vía eficaz e viable para manter e crear emprego a través dun modelo máis sustentable, resiliente e participativo, no que as persoas están no centro.
En 2025, preto de 90 entidades foron beneficiarias destas axudas —45 novas cooperativas e 42 sociedades laborais—, constituídas na súa maioría por persoas autónomas. Cómpre salientar, ademais, que o 24% das cooperativas creadas o pasado ano foron resultado dunha transformación empresarial, porcentaxe que ascende a preto do 78% no caso das sociedades laborais.