O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, presidiu hoxe a terceira reunión técnica no marco da recentemente constituída Mesa do Diálogo Social co fin de definir as medidas necesarias neste eido

O fin último do grupo de traballo é —velando en todo momento polos dereitos das persoas traballadoras— mellorar as condicións das contornas laborais, reducir o impacto do absentismo e impulsar a produtividade da economía

Ademais das medidas xa adoptadas no eido sanitario galego para mellorar os procesos de xestión e control das baixas laborais, o Executivo galego aposta por incorporar outras relacionadas co benestar laboral nas empresas, a prevención de riscos laborais e a sinistralidade para reducir as incapacidades temporais que son evitables

Os participantes nos tres encontros celebrados ata agora inciden na importancia de que o futuro plan integral teña en conta a realidade do tecido empresarial, con moitas empresas pequenas e autónomos

O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, presidiu hoxe a terceira reunión técnica do grupo de traballo de Mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo en Galicia, na que a Xunta e os axentes sociais avanzaron na análise de novas medidas para actuar neste eido e incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión.

O fin último é acordar novas actuacións que se sumarían ás xa adoptadas desde o ámbito sanitario galego —á marxe das cuestións competencia do Goberno central— para mellorar os procesos de xestión e control das baixas. De feito, búscase incorporar cuestións relacionadas co benestar laboral nas empresas, a prevención de riscos laborais e o descenso da sinistralidade co fin de reducir as baixas que son evitables velando en todo momento polos dereitos das persoas traballadoras.

Esta xornada —celebrada ao abeiro da recentemente constituída Mesa do Diálogo Social de Galicia trala súa institucionalización por consenso entre a Xunta, patronal e os representantes sindicais— contou coa comparecencia de distintos responsables de Recursos Humanos de empresas galegas de distintas tipoloxías que expuxeron a realidade que se atopan nos seus centros de traballo en materia de benestar laboral e absentismo, cun importante impacto das incapacidades temporais nos seus resultados económicos.

Estas reunións do grupo de traballo —a de hoxe, as dúas anteriores e as previstas nas vindeiras semanas— buscan facer unha análise do benestar laboral nas empresas galegas e do impacto das incapacidades temporais. Ese diagnóstico facilitará a adopción de medidas ou de ferramentas coas que optimizar o funcionamento do sistema para reducir o máximo posible tanto as baixas evitables —mediante a aposta por melloras no ambiente laboral, a prevención de riscos e a saúde no traballo—, reducir o impacto do absentismo e atallar posibles abusos.

De feito, a Xunta defendeu desde o primeiro momento que as medidas que se incorporen ao plan integral, que se sumarán ás xa aprobadas nas últimas semanas, deben estar especialmente centradas nas persoas e o labor realizado ata agora constata que é preciso ter moi presente a responsabilidade social empresarial e o benestar emocional e organizacional nos centros de traballo. É dicir, é necesario intervir nas condicións organizativas, na motivación, no clima laboral e no rendemento das persoas traballadoras.

Neste sentido, as partes tamén concordan na necesidade de ter en conta a realidade do tecido produtivo galego, caracterizado pola presenza de moitas pequenas empresas ou mesmo autónomos, así como a diversidade territorial existente en Galicia, para impulsar medidas flexibles e adaptadas ás características especiais da comunidade.

Nesta liña, o Executivo galego considera necesario abordar o problema do absentismo dado o seu impacto na economía e tendo en conta que Galicia é a segunda comunidade con maior porcentaxe de xornadas de traballo perdidas, polo que a mellora de posicións neste eido —converxendo por exemplo coa media nacional— permitiría incrementar considerablemente a produtividade das empresas e do conxunto da economía.

Outros encontros

A primeira reunión técnica do grupo de traballo de mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo contou coa intervención do equipo redactor do informe da USC e da UVigo sobre o absentismo laboral en Galicia, presentándose a metodoloxía proposta para a elaboración da Estratexia galega de benestar laboral no marco do Diálogo Social.

Na segunda compareceu persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia (ITSS), da Sociedade Galega de Medicina do Traballo (Sogametra), da Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Aprosal), da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL), da Asociación de Especialistas en Enfermería do Traballo de Galicia (AETGA) e da Consellería de Sanidade.

Trala xuntanza de hoxe —coa participación de responsables de Recursos Humanos de empresas galegas de distintas tipoloxías— nos próximos encontros intervirán axentes especializados na xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns como os graduados sociais, responsables do servizo sanitario galego, das mutuas e expertos propostos polos axentes sociais. Todas estas achegas son cruciais para determinar as medidas que se incorporarán ao borrador de Plan integral de mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo en Galicia, que está previsto que se presente nas vindeiras semanas.

 

Loading...