O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na presentación da nova iniciativa autonómica Artesás, que busca impulsar o papel feminino no sector, ofrecer unha visión empresarial da artesanía e crear comunidade
O proxecto estrutúrase en dúas fases, unha primeira etapa de formación práctica que se desenvolverá durante o mes de xuño e outra de asesoramento individualizado na que participarán 12 proxectos seleccionados
Gabriel Alén destacou o valor deste programa como unha ferramenta clave para acompañar talleres e obradoiros xa existentes e impulsar o seu crecemento con maior solidez e capacidade de proxección
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na presentación de Artesás, o novo programa autonómico de formación, dinamización e acompañamento profesional individualizado dirixido a mulleres artesás do medio rural.
O obxectivo desta iniciativa é fortalecer o sector artesán galego desde unha perspectiva profesional, colaborativa e territorial, favorecendo a consolidación de proxectos sustentables e a xeración de redes de apoio entre mulleres artesás do ámbito rural.
Durante o acto —que contou tamén coa presenza da directora xerente da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (Fungatra), Rosana Salgueiro, e da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro— o director xeral salientou a importancia de impulsar programas que contribúan a reforzar a profesionalización do sector artesán galego e a visibilizar o talento das mulleres artesás do rural.
Subliñou, así mesmo, que Artesás constitúe unha ferramenta útil para acompañar talleres e obradoiros xa existentes e favorecer o seu crecemento cunha maior solidez e capacidade de proxección. Ademais, puxo en valor o carácter colaborativo da iniciativa, destacando que este tipo de programas permiten crear comunidade, compartir experiencias e xerar sinerxías entre profesionais que afrontan retos semellantes nun contexto rural que require apoio específico e continuado.
Artesanía en feminino e con visión empresarial
O proxecto Artesás, impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da colaboración entre Fungrata e a Fundación Pública Artesanía de Galicia, combina unha primeira fase de formación práctica e creación de rede, na que participan un total de 40 mulleres, cunha segunda fase de mentoría individualizada para 12 proxectos seleccionados.
A través de pílulas formativas, encontros presenciais, accións de networking e asesoramento especializado, as participantes traballarán aspectos clave como a xestión económica, a marca persoal, a fixación de prezos, a proposta de valor, o uso profesional das redes sociais e a colaboración entre proxectos.
Entre os obxectivos xerais do programa atópase impulsar o papel feminino no sector da artesanía rural galega, poñer en valor a súa contribución como nexo entre tradición cultural e actividade profesional no rural galego, ofrecer unha visión empresarial da artesanía a través dunha formación dinámica e participativa e promover a cooperación entre as participantes.
Calendario
A primeira das fases terá lugar entre o 10 e o 30 de xuño e consistirá en 18 horas de formación tanto presencial como en liña. Traballarase sobre temas como as competencias emprendedoras, a marca persoal, a política de prezos, a cooperación ou a comunicación a través de redes sociais.
Para a segunda fase seleccionaranse 12 participantes ás que se lles fará un seguimento personalizado no que se incluirá unha análise e diagnóstico da situación, unha entrevista individual, unha visita ao local de traballo, unha determinación dos obxectivos a mellorar e unha asignación dun mentor ou mentora acorde á área de traballo que precise mellorar.
Esta fase iniciarase cun encontro presencial no mes de setembro, tras o cal se abrirá o tempo de asesoramento individualizado que rematará a finais de outubro. O programa Artesás pecharase no mes de novembro cun encontro presencial no que se presentarán os obxectivos alcanzados.