A delegada territorial da Xunta en Ferrol puxo o foco nesta convocatoria durante a visita a Óptica A Gándara, beneficiaria desta liña de axudas o pasado ano

A intensidade destas achegas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración son do 60% do investimento, cun importe máximo de 7.000 euros

Poderán destinarse á adquisición de maquinaria ou ferramentas, equipos informáticos e de oficina, rótulos, reforma de local, novas instalacións para a mellora da eficiencia enerxética, investimento para o relevo de combustibles fósiles ou para o desenvolvemento de aplicacións informáticas, páxinas web, redes sociais ou deseño de marca

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá Óptica A Gándara, onde puxo en valor os apoios do Goberno galego aos autónomos. Máis concretamente, Aneiros fixo fincapé no Bono Autónomo, orientado a apoiar a consolidación daquelas persoas autónomas que leven como mínimo 42 meses de actividade empresarial, e que pode solicitarse ata o próximo 30 de setembro.

Esta liña de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está integrada na convocatoria unificada para persoas traballadoras autónomas. Dela se beneficiou o negocio naronés a pasada convocatoria, cunha achega de 7.000 euros para a realización dunha reforma no seu local. Os traballos estiveron enfocados na mellora estética do baixo comercial, así como en facer unha redistribución do espazo para unha mellor funcionalidade. Tamén se realizou un cambio de iluminación, colocando luces led para conseguir un menor consumo enerxético.

A intensidade das axudas, tal e como informou a delegada, é do 60% do investimento cun importe máximo de 7.000 euros. Estarán destinadas á realización de investimentos para a mellora da competitividade do negocio, como a adquisición de maquinaria ou ferramentas, equipos informáticos e de oficina, rótulos, reforma de local, novas instalacións para a mellora da eficiencia enerxética, investimento para o relevo de combustibles fósiles ou para o desenvolvemento de aplicacións informáticas, páxinas web, redes sociais ou deseño de marca.

O Bono Autónomo, que conta nesta convocatoria cun orzamento de 8 M€, deixou no ámbito da Delegación o pasado ano máis de 192.000 euros en achegas para 64 beneficiarios. “O emprego autónomo é unha prioridade para a Xunta de Galicia, que segue a traballar na súa consolidación como un emprego de calidade que siga xerando riqueza e benestar na nosa contorna”, sinalou Aneiros

Loading...