José González explicou que o obxectivo é completar o deseño deste programa coas achegas, suxestións e melloras da parte social

Destacou que se analizarán en profundidade as causas e consecuencias das baixas laborais para tomar medidas entre o Goberno galego dentro das súas competencias e os axentes sociais para abordar as situacións de absentismo inxustificado

Na potenciación do mercado laboral interno salientou a aposta galega por unha formación á carta do tecido empresarial con fitos como o decreto pioneiro de microcredenciais e o proceso de modernización do SPEG con accións como EMi

Destacou o apoio autonómico ao autoemprego, ámbito no que Galicia está a ultimar a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e o investimento de máis de 42 M€ en axudas aos autónomos

Dentro da atracción de talento e dunha inmigración controlada, segura e eficaz vinculada á demanda das empresas, insistiu no traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo de estranxeiros por parte do Goberno central

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, insistiu hoxe en que o Goberno galego dialogará cos sindicatos e a patronal un Plan de abordaxe para reducir o impacto negativo do absentismo laboral blindando os dereitos lexítimos das persoas traballadoras. O obxectivo, sinalou, é completar o seu deseño coas achegas, suxestións e melloras da parte social. Neste sentido, expuxo que se analizarán en profundidade as causas e consecuencias das baixas laborais para tomar medidas co fin de abordar as situacións de absentismo inxustificado.

Así o expuxo durante un encontro con representantes do Círculo de Empresarios de Galicia no que deu conta das iniciativas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para este 2026 e no que tamén estivo a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. Alí o conselleiro tamén lembrou que o absentismo laboral é unha realidade complexa e multifactorial cunha elevada magnitude social e económica que afecta directamente a produtividade do tecido empresarial galego cun impacto estimado de máis de 2.200 M€ anuais —arredor do 3% do PIB galego—.

Neste contexto, o conselleiro explicou que haberá medidas que teñen que ser implantadas pola Xunta de Galicia, no marco das súas competencias, para mellorar e axilizar os procesos de control e xestión das baixas e tamén medidas en benestar laboral e prevención de riscos laborais que correspondan as empresas e aos traballadores.

Dentro da importancia do diálogo social, José González tamén lembrou que proximamente se aprobará o decreto que permitirá institucionalizalo en Galicia, potenciándoo como marco para abordar retos do mercado laboral como o do absentismo, ao que tamén atenderá a nova Estratexia galega de responsabilidade social empresarial que deseñará este ano a Xunta.

Potenciación do talento interno

Na súa intervención o conselleiro tamén salientou medidas a prol da potenciación do mercado laboral interno. Entre elas, as aparelladas á aposta autonómica pola formación á carta do tecido empresarial e destacou como fito o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Tamén se referiu á modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia —SPEG—. Neste ámbito salientou a ferramenta EMI, dispoñible nas oficinas de emprego para a sincronización da oferta e da demanda de emprego en tempo real e que xa ten permitido realizar o perfilado competencial dunhas 101.000 persoas e a implantación de caixeiros autoservizo que se prevé completar este ano completala ao longo deste ano.

No ámbito do autoemprego, subliñou que Galicia está a ultimar a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, apostando por determinar os negocios imprescindibles en cada contorna tendo como núcleo o labor da Rede de polos. A isto súmase o apoio aos autónomos, con máis de 42 M€ en axudas.

Suma de talento

No campo da atracción de talento, José González resumiu as claves do modelo propio impulsado pola Xunta baseado nunha inmigración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda das empresas e cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade. Con ese fin, está enfocado en primeiro termo no retorno das persoas galegas do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna. Nun segundo eixo, está a captación ordenada de talento procedente de terceiros países, onde, entre outros aspectos, é prioritaria a axilidade por parte do Goberno central no traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras que solicitou a Xunta. Un traspaso, que o Goberno galego agarda poder asumir no curso deste ano, e que tamén é clave para exercer as políticas activas de emprego en relación coas persoas migrantes regularizadas, subliñou.

Loading...