O delegado territorial visitou o centro sociocultural de Tenorio, onde a empresa Magnafor Qualitas está a levar a cabo un curso de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
O prazo para presentar as solicitudes da convocatoria 2026-2027 segue aberto ata o 30 de novembro ou ata que remate o crédito orzamentado
Na provincia de Pontevedra impartiranse preto de 200 accións formativas por valor de preto de 10,8 millóns de euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o centro sociocultural de Tenorio onde a empresa Magnafor Qualitas S.L está a impartir unha acción formativa para persoas desempregadas (AFD) grazas a unha achega da Xunta de máis de 52.000 euros. En concreto, estase a desenvolver un curso de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Acompañado polo alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, o delegado territorial lembrou na súa visita que a Xunta mantén aberta ata o 30 de novembro, ou ata que remate o crédito orzamentado, a nova convocatoria 2026-2027 de accións formativas para persoas desempregadas (AFD) que, dotada cun orzamento de 60 M€ tras a recente a ampliación do crédito inicial en 20 M€, se enmarca no redeseño integral da formación para o emprego que está impulsando o Goberno galego e que aposta pola flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias para potenciar a súa empregabilidade e responder ás necesidades de talento das empresas.
Reguera explicou que cada acción formativa, tal e como se contempla desde 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30% do alumnado, o que garante que a formación estea vinculada á realidade produtiva e permite ás empresas canalizar as súas necesidades concretas a través de centros acreditados de xeito áxil. Nesta liña, cabe destacar que esta convocatoria permite modular a capacitación e reducir o tempo de formación, incluíndo graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e, como novidade desde o ano pasado, microformacións de grao A (30-40 h), abrindo un escenario máis amplo e adaptado aos perfís e ás necesidades reais do mercado.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia “deste tipo de iniciativas formativas, sobre todo en ámbitos como o da atención socio-sanitaria onde existe unha gran demanda de man de obra cualificada” e informou sobre as preto de 200 accións formativas para desempregados que se levarán a cabo na provincia de Pontevedra por valor de preto de 10,8 millóns de euros.
Na área de influencia do concello de Pontevedra están confirmados case 40 cursos AFD cun orzamento total que supera os 2,1 millóns de euros.