O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou en Vigo a Asociación Provincial de Empresarios de Transportes de Mercadorías e Escavacións de Pontevedra (Asetranspo), onde mantivo un encontro co seu equipo directivo

Puxo en valor o labor da entidade na formación, colocación e recolocación para dar resposta ás necesidades dos sectores que representa, en paralelo á aposta da Xunta pola formación flexible e á carta das empresas para favorecer a cobertura de vacantes

Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no almorzo networking organizado esta mañá polo Centro Comercial Aberto Zona Vigo, onde avogou por dar pulo ao comercio local e á mellora da súa competitividade

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou esta tarde en Vigo a sede da Asociación Provincial de Empresarios de Transportes de Mercadorías e Escavacións de Pontevedra (Asetranspo), onde mantivo un encontro co seu equipo directivo. Alí, puxo de relevo o labor desta entidade no eido da formación, así como na colocación e recolocación para dar resposta ás necesidades dos sectores que representa, nomeadamente os do transporte de mercadorías e a loxística.

En paralelo, Fernández destacou a aposta da Xunta por unha formación flexible e á carta do tecido produtivo para favorecer a cobertura de man de obra, con iniciativas como as accións formativas para persoas desempregadas (AFD), que veñen de elevar dos 40 aos 60 M€ o seu orzamento para a convocatoria 2026-2027. Así mesmo, referiuse á novidosa vinculación entre a formación para o emprego e os incentivos á contratación a través dun peto de cartos públicos.

Nesa liña, destacou que o Goberno galego pecha o círculo da empregabilidade priorizando as persoas participantes nas accións formativas autonómicas dentro das liñas de apoio á contratación nas empresas galegas, concretamente, co programa Galicia Suma Talento: Emprégate, dotado con 19,7 M€ para favorecer a inserción laboral de colectivos de atención prioritaria como a mocidade e as mulleres e co prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro.

Networking Centro Comercial Aberto Zona Vigo Centro

Por outra banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no almorzo networking organizado esta mañá polo Centro Comercial Aberto Zona Vigo Centro no Workcafé do Banco Santander. No marco deste acto, ambas entidades asinaron un acordo de colaboración que brinda ao CCA Zona Vigo condicións vantaxosas no uso das TPV e lles permite utilizar as instalacións do Workcafé —espazo coworking, oficinas, salas de reunións, etc.— para actividades e xuntanzas do CCA.

Alí, o director xeral destacou a importancia de medidas coma esta para favorecer o asociacionismo a prol do pulo ao comercio local e da mellora da súa competitividade. Ademais, puxo en valor as campañas de Vigo Centro para potenciar o comercio de proximidade e defendeu a importancia da colaboración público-privada como a reflectida no evento de hoxe para afrontar retos do sector como a dixitalización, a competencia das plataformas tecnolóxicas ou a remuda xeracional.

Loading...