José González insistiu en que o obxectivo é blindar os dereitos das persoas traballadoras e á vez mitigar o impacto desta problemática estrutural nas empresas

Entre as accións nas que traballa o Goberno galego salientou a creación dun programa integral de abordaxe das baixas laborais adiantado onte polo presidente da Xunta no Debate sobre política xeral no Parlamento

Dentro da atracción de talento e dunha inmigración controlada, segura e eficaz vinculada á demanda das empresas, insistiu no traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo de estranxeiros por parte do Goberno central

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, defendeu hoxe a necesidade da colaboración dos representantes das empresas, así como das persoas traballadoras no seo do diálogo social para artellar as medidas nas que está a traballar o Goberno galego para facer fronte á problemática do absentismo laboral inxustificado e tamén tratar as actuacións da Administración estatal neste eido. Sempre, subliñou, co máximo respecto á saúde e aos dereitos das persoas traballadoras co obxectivo de blindalos e á vez mitigar o impacto nas empresas.

Así o sinalou na inauguración do primeiro Observatorio sobre capital humano organizado pola Confederación Empresarial de Ourense co apoio da Xunta e da Confederación de Empresarios de Galicia, entre outros, e no que participan Cepyme e varias asociacións e entidades de empresarios, autónomos de distintos sectores económicos. No acto, no que tamén estivo o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, o conselleiro insistiu en que o absentismo inxustificado se trata dun problema que afecta á produtividade das empresas españolas e en particular ás de Galicia. De feito, Galicia é a segunda comunidade con máis xornadas laborais perdidas por baixas, o que supón perdas de máis de 2.200 M€, é dicir, arredor do 3% do PIB.

Nesta liña, González afondou nas medidas adiantadas onte polo presidente da Xunta no Debate sobre política xeral no Parlamento. Entre elas, a creación dun programa integral de abordaxe das baixas laborais con unidades especializadas como apoio aos médicos de atención primaria para a atención e control das baixas por doenzas máis prevalentes, como a saúde mental e musculoesqueléticas. Tamén se busca avanzar na desburocratización na liña que xa se está a traballar coas mutuas.

Lembrou ademais que proximamente se aprobará o decreto que permitirá institucionalizar o diálogo social en Galicia, potenciándoo como marco para abordar retos do mercado laboral como o absentismo inxustificado. Ademais, engadiu, convocarase de inmediato a mesa específica sobre absentismo dentro do diálogo social para tratar as medidas entre a Xunta, as organizacións sindicais e a patronal e intercambiar propostas das distintas partes.

En relación co Observatorio sobre capital humano que se celebra hoxe, o conselleiro animou á organización e participantes a que as aportacións realizadas “se canalicen a través do diálogo social para incorporalas a ese plan integral para reducir o absentismo e conseguir canto antes que as medidas que se están a adoptar teñan efecto”.

Retención e atracción de talento

No ámbito da atracción de talento, José González lembrou que Galicia traballa en reter talento con modificacións importantes na formación para flexibilizala e adaptala ás necesidades do mercado laboral. En concreto, centrouse na atracción de talento foráneo e sinalou que Galicia está á espera de recibir proximamente por parte do Goberno central o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras, que actualmente se está a negociar. Unha cuestión, subliñou que é fundamental para acompañar ás empresas na captación de talento foráneo desde orixe a destino dentro do modelo propio impulsado pola Xunta baseado nunha inmigración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda das empresas e cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade.

Dentro deste eido tamén destacou as xornadas organizadas polo Banco Mundial e celebradas hai uns días en Ecuador nas que participou o conselleiro e nas que se analizou como contactar con administracións estranxeiras de orixe para atraer talento estranxeiro de xeito organizado, seguro e eficaz para as persoas traballadoras e para as empresas.

Loading...