Recoñecidos profesionais do sector impartirán en todos os concellos laboratorios sobre xestión de eventos musicais, danza contemporánea, patrimonio inmaterial ou relación entre cultura e turismo, entre outras temáticas

A comarca de Sarria acollerá no mes de maio a iniciativa de formación e emprendemento cultural Sarria<30, apoiada pola Xunta no marco do programa de axudas Territorio Cultura.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do proxecto xunto con representantes da entidade promotora, Ouvirmos SL; e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, entre outras persoas.

A programación inclúe unha serie de laboratorios que contarán con recoñecidos profesionais do sector. Serán abertos a todos os públicos, aínda que están especialmente orientados á mocidade darredor de 30 anos.

As accións están enfocadas a favorecer a transferencia de coñecementos entre os asistentes, xerar redes e identificar oportunidades de emprendemento no ámbito cultural.

Programa

En canto ao calendario previsto, O Incio albergará o 2 de maio un laboratorio sobre xestión de eventos musicais impartido pola presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, Patricia Hermida. En Sarria, o dramaturgo e profesor da Escola Superior de Arte Dramático Ernesto Is dirixirá os sábados 2 e 9 dúas sesións de teatro, a primeira delas enfocada especialmente á diversidade e a inclusión.

En Láncara experimentarase coa danza contemporánea o domingo 10 da man da directora da compañía Pisando Ovos, Rut Balbís. Pola súa banda, Paradela albergará o sábado 16 unha xornada sobre literatura, rutas e certames, conducida por Manuel Bragado, editor e referente do sector literario en Galicia.

Tamén haberá espazo para o canto e o baile tradicional, con senllos talleres no Páramo -o sábado 16 – e Samos – o sábado 23 -. O de canto estará guiado polo artista Davide Salvado e o de baile por Chus Caramés e Ruth Pérez, ambas expertas na disciplina e recoñecidas polo seu traballo de recuperación, difusión e ensino da danza galega. No que respecta a Triacastela, o especialista en dinamización territorial e turismo cultural Manuel Gago afondará na relación entre cultura e turismo o sábado 23.

Por último, Sarria acollerá o sábado 30 un evento central na Praza de Abastos que contará con entrevistas abertas, mesas de debate, exposicións e diferentes actividades participativas.

Arias destacou que o programa Territorio Cultura responde ao obxectivo da Xunta de “achegar as actividades culturais a todos os lugares”, en liña con outras accións como o programa O Teu Xacobeo, que despois do éxito da anterior edición foi convocado novamente este ano de cara á celebración do 2027. O prazo para presentar proxectos xa está aberto a través da sede electrónica da Xunta.

Loading...