O proxecto compaxinará eventos presenciais e mentorías con artistas e profesionais do sector dirixidos ás mozas e mozos que estean a barallar este campo como unha saída laboral
O calendario de actividades arrancará o vindeiro 18 abril na Coruña e rematará o 30 de outubro en Vigo, cunha completa programación que tamén pasará por Muxía, Santiago e Viveiro
Abordaranse temáticas como a produción musical, a xestión de festivais e eventos, o marketing artístico, o emprendemento ou o uso das redes sociais para impulsar proxectos profesionais
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participou hoxe na presentación do programa de actividades 2026 do Camiño do emprendemento musical, unha proposta organizada por Wake Up coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, orientada a introducir, formar e mentorizar á mocidade galega interesada en considerar a industria musical e de eventos como unha posible saída profesional.
A través do contacto directo con profesionais do sector, búscase que as persoas participantes coñezan de primeira man os seus inicios, os retos actuais e as oportunidades reais de desenvolvemento profesional.

Tras o éxito da súa primeira edición o pasado ano, o programa deste 2026 —en cuxa presentación tamén participou José Patiño, director de Wake Up Electronic Parties— estrutúrase como un percorrido por distintos puntos de Galicia. A iniciativa abordará contidos diversos, adaptados aos diferentes ámbitos da industria, e contribuirá a poñer en valor o talento local e o conxunto da industria cultural galega.
O calendario de actividades comezará o 18 de abril na Coruña cunha xornada dedicada aos proxectos emerxentes e ao novo emprendemento en Galicia. Os días 29 e 30 de maio trasladarase a Muxía, onde se celebrarán dúas xornadas de convivencia en formato bootcamp, nas que se impartirán charlas e sesións formativas sobre produción musical, talleres de DJ, emprendemento, marketing artístico e xestión de redes sociais.
A seguinte cita terá lugar o 4 de xuño en Santiago, cunha xornada centrada na produción e organización de festivais e outros eventos de gran formato. O 18 de xullo será a quenda de Viveiro, cun encontro enfocado nos festivais de pequeno formato e o seu impacto cultural. Xa en setembro, o día 25, A Coruña acollerá unha sesión de introdución ao mercado laboral no ámbito musical, con experiencias e consellos de profesionais do sector. A programación concluirá en Vigo o 30 de outubro cun acto de peche no que se porán en común as aprendizaxes do último ano. As inscricións para participar poderán facerse a través da web da rede de polos de emprendemento.
A iniciativa enmárcase no compromiso estratéxico do Goberno autonómico de potenciar as oportunidades laborais da mocidade. Ao mesmo tempo, promove o espírito emprendedor entre as xeracións máis novas co obxectivo de impulsar proxectos innovadores que contribúan á dinamización do territorio e á xeración de riqueza e emprego.
