A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde en Expourense na 4ª edición deste encontro entre o tecido empresarial e o ámbito formativo de Galicia e o Norte de Portugal
Durante o evento celebrouse a final do 4º Concurso de proxectos emprendedores, un certame impulsado a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde en Expourense na cuarta edición de Inspiro, encontro interxeracional que busca conectar o tecido empresarial cos centros formativos de Galicia e o Norte de Portugal. Alí, entregou un dos galardóns do cuarto Concurso de proxectos emprendedores impulsado no evento a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e que persegue mellorar a produtividade e a calidade, innovando con novos enfoques, modelos de negocio, servizos ou metodoloxías.
A xornada arrancou pola mañá con relatorios sobre emprendemento, ciberseguridade e Intelixencia Artificial e cunha mesa redonda sobre iniciativas emprendedoras de éxito. Xa pola tarde, houbo dous talleres prácticos de traballo por equipos e a final do concurso, con tres premios que inclúen procesos de mentorización para as persoas participantes.
Cómpre engadir que nesta edición se engadiron recoñecementos especiais á mellor presentación dunha idea empresarial (pitch) e ao mellor proxecto vinculado ás persoas maiores de 50 anos (silver economy). Tamén se lembrou o proxecto gañador do ano pasado, Emprender cos meus fillos, que tiña como obxectivo capacitar a pais e nais en educación e intelixencia financeira para que adquiran ferramentas de cara ao desenvolvemento integral e cognitivo dos seus fillos no marco da nova sociedade dixital e na era da intelixencia artificial.