O DOG publica hoxe a ampliación en 20 M€ da orde AFD 2026-2027, que —co prazo de solicitude aberto ata o 30 de novembro— xa concedeu axudas para 495 graos dirixidos a máis de 7.400 persoas, coa previsión de superar agora as 10.700 beneficiarias
Dentro da renovación integral das políticas activas de emprego, a suba orzamentaria permitirá impartir 109 accións modulables distintas en 75 concellos, con formación dual obrigatoria nas de maior duración dun mínimo do 25 % en contornas laborais
Por temáticas, destacan as do eido administrativo, atención sociosanitaria e docencia, e as relativas á loxística, sector do metal, comercio ou hostalaría, con compromisos de participación mínimos que garanten atención ás necesidades reais das empresas
Como novidade, quen remate unha formación poderá acceder a outra de nivel superior sen ter que esperar á expedición do certificado profesional da acción formativa previa, ao igual que aquelas persoas pendentes da homologación dun título estranxeiro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación de crédito inicial dos 40 aos 60 M€ da orde 2026-2027 das accións formativas para persoas desempregadas (AFD), co obxecto de apoiar as solicitudes presentadas desde a súa convocatoria en xaneiro por 200 entidades para impartir en 75 concellos un total de 714 cursos dirixidos a máis de 10.700 persoas. Co prazo aínda aberto deica o 30 de novembro para acoller máis solicitudes, ata agora concedéronse achegas para 495 accións AFD destinadas a máis de 7.400 persoas, das que xa se iniciaron case un terzo co gallo de dar resposta rápida e eficaz ás demandas do mercado laboral.
Orientados á adquisición e mellora de competencias a través de formacións totais ou parciais incluídas en certificados profesionais, grazas á ampliación de crédito poderán impartirse un total de 109 graos diferentes, entre os que destacan os do eido administrativo, atención sociosanitaria e docencia, así como os relativas á loxística, sector do metal, ao comercio ou á hostalaría. Tendo en conta que para cada acción se presentou o compromiso previo esixido ás entidades formativas dun mínimo do 30 % do alumnado, garántese a plena adecuación á realidade do tecido produtivo, confirmándose que as empresas logran canalizar as súas necesidades concretas de capacitación e man de obra a través de centros acreditados de xeito áxil e efectivo.
Detalles da convocatoria
Tras a remodelación completa da orde de 2025 que xa ten iniciado máis do 93 % dos cursos aos que se concedeu apoio, a convocatoria 2026-2027 consolida o modelo e garante unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano co fin de axustarse en tempo real ás demandas das persoas traballadoras e do tecido produtivo. Introduce ademais novas medidas e flexibiliza os requisitos para participar nas accións. Así, as persoas que rematen unha formación poderán acceder a outra de nivel superior sen ter que esperar á expedición do certificado profesional da acción formativa anterior, ao igual que aquelas que estean pendentes da homologación dun título estranxeiro.
Para as persoas desempregadas, esta liña de axudas supón a oportunidade de acceder a accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, con opcións flexibles de incorporación ao mercado laboral. Así, a convocatoria permite modular a capacitación e reducir o tempo de formación, incluíndo graos B (200-300 h.) e C (600-1.000 h.) e, como novidade desde o ano pasado, microformacións de grao A (30-40 h.), no marco dun modelo máis eficaz, dinámico e adaptado tanto ás persoas como ás empresas.
Máis aló dos compromisos mínimos de alumnado esixidos xa mencionados, os programas de grao C manteñen a formación dual obrigatoria, que require que polo menos o 25 % das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo, reforzando a utilidade práctica da aprendizaxe. Tamén continuará impulsándose o papel das oficinas de emprego na identificación das necesidades formativas por sectores e territorios, propoñendo itinerarios aos candidatos coa axuda de ferramentas como EMi.
A concesión das axudas é en réxime de concorrencia non competitiva e os cursos están dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que se permite a participación de ocupadas ata un 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo.
Peche do círculo de empregabilidade
No marco da renovación integral das políticas activas de emprego, a Xunta ten xa en vigor o decreto pioneiro en España para regular as microcredenciais no ámbito da formación para o emprego, que permitirá ás empresas deseñar e impartir formación curta e certificada á medida. Ademais, a convocatoria redeseñada complétase con outras ordes estratéxicas en 2026 como o programa Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7M€) que, por primeira vez, inclúe incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego. Deste xeito, proporcionáselles ás persoas que rematen con éxito estas iniciativas impulsadas pola Xunta un peto de cartos públicos —materializados na formación recibida e nos apoios á contratación— co obxecto de facilitar a súa entrada e consolidación nas empresas galegas.