Trátase dunha iniciativa que terá lugar no concello de San Xoán de Río e na estación de montaña de Manzaneda e que está impulsada pola Xunta de Galicia da man da Deputación de Ourense, o concello de San Xoán de Río e o movemento Impact Social Cup, referente en emprendemento

Esta iniciativa piloto, denominada Impact Campus Galicia, prevé reunir máis de 100 persoas emprendedoras, inversores, empresas, estudantes, artistas e deportistas galegos e incluirá actividades de ocio, turismo e aprendizaxe

O obxectivo é conectar talento, empresa e territorio xerando espazos de colaboración e posicionando a Galicia como unha rexión que aposta pola innovación social e o emprendemento ligado ao territorio, especialmente no rural co fin de dinamizalo

A Xunta de Galicia impulsará do 9 ao 12 de abril no concello de San Xoán de Río e na estación de montaña de Manzaneda unha convivencia de persoas e entidades do ecosistema emprendedor no marco da aposta referente de Galicia a prol do emprendemento ligado ao territorio. Farao da man da Deputación de Ourense, o concello de San Xoán de Río e Impact Social Cup —un dos movementos de emprendemento de impacto positive máis relevante de España e Europa— co obxectivo de mellorar e dar visibilidade a novas iniciativas, así como de conectar con inversores, empresas e outros compañeiros nunha contorna rural.

Neste sentido, esta iniciativa piloto, denominada Impact Campus Galicia, prevé reunir máis de 100 persoas entre emprendedores locais e participantes nas dúas edicións da competición e evento de emprendemento de impacto positivo en España Impact Social Cup, inversores, empresas, estudantes, artistas e deportistas galegos.

A cita incluirá actividades de ocio, turismo e aprendizaxe, así como accións para interactuar coas veciñas e veciños, tanto en San Xoán de Río como na estación de montaña de Manzaneda. En concreto, dentro das actividades de coñecemento, haberá encontros con empresarios galegos e deportistas. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través deste enlace.

O obxectivo principal será desenvolver solucións innovadoras aos retos do rural, propostos pola comunidade local. Con ese fin, as persoas participantes traballarán en equipos multidisciplinares para deseñar propostas que poidan ter continuidade e ser impulsadas posteriormente por institucións e axentes do territorio. Deste xeito, a iniciativa busca conectar talento, empresa e territorio xerando espazos de colaboración interxeracional e posicionando a Galicia como unha rexión que aposta pola innovación social, e o emprendemento ligado ao territorio, especialmente no rural co fin de dinamizalo.

Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025–2030

Esta convivencia concorda coa aposta do Goberno galego por impulsar a actividade emprendedora desde o territorio. Un dos fitos clave neste ámbito é a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025–2030, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que está en fase de consultas co sector. Ao abeiro dela, reforzaranse os Polos de emprendemento e avanzarase na súa especialización atendendo aos sectores tractores de cada territorio.

Outra ferramenta neste eido é o Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento, impulsado no I Congreso Ultreia Galicia celebrado en novembro de 2025 no concello ourensán de Nogueira de Ramuín e aberto a todas as entidades do ecosistema emprendedor que desexen adherirse. Ademais, o Goberno galego tamén promove iniciativas como o proxecto Fixar impulsado en colaboración coa Asociación Cultural Sende para atraer ao rural a nómades dixitais promovendo espazos de coliving e coworking e no que están implicados os espazos coliving de Sende (Lobeira, Ourense), Anceu, (Ponte Caldelas) e iSlow, Laxe (A Coruña).

Loading...